• Estenderase ata o domingo 10 de novembro os xoves, venres e sábados, de 19:00 a 21:30 horas, e os domingos en sesión vermú, das 11:00 ás 14:30 horas
• A ‘Asociación de Comerciantes Banastra’ e a ‘Asociación de Comerciantes Tea’ colaboran coa ruta e ofrecen novidades para o público
Un xamón pata negra edición especial duroc 100% será sorteado entre as persoas participantes na II edición do Pinchotea que ata
o domingo 10 de novembro ofrecerá exquisitos pinchos en dezaoito locais de hostalaría. As tapas serviranse os xoves, venres e sábados, de 19:00 a 21:30 horas, e os domingos en sesión vermú, das 11:00 ás 14:30 horas, segundo explica o concelleiro de Comercio, Ricardo González.
Nesta edición o comercio local tamén estará presente da man da Asociación de Comerciantes Banastra e da Asociación de Comerciantes Tea que farán tándem coa hostalaría e sortearán un xamón. Durante o período do concurso, todas persoas que compren nos locais asociados recibirán unha papeleta que deberán adxuntar grampada ao pasaporte en calquera buzón da hostalaría participante para poder optar.
Mini cachapa venezolana sen glute do Papelón con limón, solombo cociñado a baixa temperatura e con salsa de laranxa do Ferreira; tosta de pan do avó con queixo crema máis unha capa de marmelada de pemento de Guláns do Cortiñas; hamburguesa de carne de vaca vella, queixo tetilla, guacamole outros ingredientes como pan negro de Carlota Burguer; un trampantoxo de pera limoeira con marisco e vexetais do Túnel; polbo en base de crocante de millo no MacDona; pito tenro cun toque cítrico en Romi; mestura de carnes galegas con fabas vermellas do Troll; empanada de follado elaborado a base de tetilla e cogomelos de D`Peyo; unha proposta en forma de ostra que rende culto ao mar e a terra na Eiravella; fusión tropical en Luna-Flor; tortilla de trigo, guacamole e chicharrón do Mamá Fina; petisco que combina pan de cereais e marmelada de pementos de Guláns así como mazá e xamón serrano no Xirope; cebola, marmelada de tomate, rulo de cabra e módena sobre base de masa caseira no Novo Melody; tiburón de humus de callos e milfollas de patacas de La Preciosa ou hamburguesa cheddar con pepino e patacas do Ciudad son algunhas das suculentas propostas.
A alcaldesa Nava Castro destacou que “esta iniciativa pon de manifesto a nosa rica cultura gastronómica e tamén fortalece o tecido social e económico de Ponteareas. Estamos orgullosos de poder dicir que nesta segunda edición contamos co dobre de establecementos de hostalería que o ano pasado e iso significa que é unha iniciativa importante para os veciños, veciñas e visitantes, pero tamén para todos os hostaleiros da zona. Cada un deles deseñou pinchos e tapas únicas que reflicten o seu estilo e esencia e estamos seguros de que nos farán desfrutar a todos coas súas elaboracións. O Pinchotea é un dinamizador económico, comercial e social que provoca o encontro e un excusa ideal para quedar coas amizades”.
Concurso tapas
Nesta segunda edición hai establecidas dúas categorías no concurso para os hostaleiros: ‘Cociña en miniatura’ e o ‘Pincho Taverneiro’.
Na de ‘Cociña en miniatura’ concederase o ‘Premio Pinchotea á mellor tapa de Ponteareas 2024’, que constará de primeiro, segundo e terceiro premio. Na categoría de ‘Pincho Taverneiro’ concederase un único premio, o ‘Premio Pinchotea Camiño de Ignacio Taverneiro 2024’.
O xurado estará formado por profesionais do sector, do ámbito educativo (Centro docente EFA A Cancela e tamén poderá formar parte algún/algunha cociñeiro/a de renome. O xurado visitará cada local para realizar o informe de valoración. Ademais, a clientela tamén dará a súa opinión dos pinchos e tapas para saber cal é o mellor pincho popular.
Sorteos e agasallos
O público que participe de forma activa nesta ruta terá beneficios. Por iso, cóntase cun catálogo con diferentes agasallos, que serán desvelados moi pronto doados polos locais participantes e polos patrocinadores.
Os consumidores recibirán nos locais participantes un pasaporte no que poderá ir poñendo un selo por cada tapa ou pincho que consuma. Se ao finalizar Pinchotea conta cun mínimo de 6 selos de diferentes locais, debe cubrir no pasaporte o seu nome, apelidos e teléfono, e depositalo nas urnas repartidas nos establecementos participantes.

