O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno de Soutomaior traballa man con man cos comerciantes do concello de cara a impulsar a economía local e facer crecer Soutomaior.
25 de outubro. Ao abeiro da campaña Eu Quero Local, impulsada polo Goberno de Soutomaior co obxectivo de promocionar os comercios e negocios do noso concello, algúns establecementos locais están a decorar os seus escaparates e locais con motivo do Samaín. Trátase dunha iniciativa que busca que as rúas e prazas estean vivas, convertendo Soutomaior nun lugar máxico onde sentir o espíritu desta tradición e, porque non, vivir divertidas e fermosas experiencias.
A concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, celebrou a participación do comercio local nesta iniciativa e convidou “a todos os comercios e establecementos de hostalería a sumarse as vindeiras iniciativas que o Goberno de Soutomaior desenvolva no marco de ‘Eu Quero Local’, co fin de dar visibilidade e da posta en valor da inmensa riqueza humana e social coa que conta Soutomaior”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “Xunto aos comerciantes e hostaleiros de Soutomaior queremos camiñar cara a unha economía local máis solidaria e respectuosa, que aposte por modelos máis sostibles e sensibles. Só así conseguiremos que o noso municipio creza”.

