O concello acomete obras no Salgueiral para corrixir os fallos do pavimento e garantir a evacuación das augas

Redacción

– As obras comezarán o 13 de outubro para mellorar o pavimento, a seguridade e a evacuación das augas pluviais. O Concello informará aos residentes do tramo sur da rúa Salgueiral dos valados que se instalarán e dos accesos afectados polos traballos.  

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que son obras “moi necesarias” para solucionar definitivamente os problemas de firme e drenaxe da zona que van garantir “a accesibilidade e mobilidade de peóns e vehículos”.

O Concello de Redondela confirma a posta en marcha da reparación do pavimento e saneamento do tramo sur da rúa Salgueiral. Os traballos comezarán o 13 de outubro.  O Concello de Redondela informará previamente aos residentes da zona dos valados que se instalarán e dos accesos afectados polos traballos.   O prazo de execución das obras é dun mes, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan realizar as actuacións con normalidade.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dunha reforma moi necesaria “para solucionar de definitivamente os problemas de drenaxe superficial, garantindo a accesibilidade e a seguridade de peóns e vehículos”. Existen alteracións e un desgaste superficial prematuro no pavimento despois de terse executado a humanización das rúas As Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero en Vilavella.

O proxecto  “non será un parche superficial, senón unha restitución completa do sistema de firme”. A obra inclúe a demolición integral do firme danado, unha nova base estrutural e a instalación dunha reixa central conectada á rede de augas pluviais para evitar o empozamento de auga. O novo firme contará cunha soleira de formigón que garante a durabilidade e elimina pezas soltas. A actuación arranca despois de que o Concello realizase formalmente o requirimento previo á empresa responsable dos traballos.

Desde o Concello piden desculpas de antemán polas molestias que poidan causar estes traballos e agradécese a colaboración de toda a veciñanza para seguir mellorando o  espazo público do municipio.

Comparte este artigo