O Concello de Mos reforza a vixilancia dos horarios do transporte escolar ante os desaxustes detectados no inicio de curso

Redacción

O dispositivo de control esténdese ás rutas dos centros de primaria para garantir o correcto funcionamento do servizo

O inicio do curso escolar e o cambio das empresas concesionarias do transporte provocaron algúns desaxustes nos horarios das rutas escolares de Mos, tanto nas entradas como nas saídas dos centros educativos.

Ante as queixas trasladadas por varias familias, o Concello de Mos reforzou o control do servizo e puxo en marcha un dispositivo policial para comprobar o cumprimento dos horarios establecidos.

Esta mesma mañá, axentes da Policía Local estiveron no IES de Mos supervisando a chegada do alumnado, acompañados pola concelleira de Educación, Julia Loureiro. O Concello está tamén en contacto coa dirección do centro para coñecer de primeira man as incidencias que se están producindo e coordinar as actuacións necesarias para mellorar o funcionamento das rutas.

Ademais, tamén se está a comprobar o funcionamento das rutas dos centros de primaria, onde se detectaron incidencias similares nos primeiros días do curso.

A Inspección de Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia mantense informada da situación e continúa supervisando o servizo. No caso de que os desaxustes persistan, adoptaranse as medidas que correspondan para garantir o cumprimento das condicións establecidas.

O Concello de Mos mantén tamén contacto coa empresa concesionaria para trasladarlle as incidencias detectadas e solicitarlle a revisión dos horarios das rutas, co obxectivo de axustalos ás necesidades de entrada e saída do alumnado.

Dende o Concello de Mos agradecen tamén ás familias que trasladaron as súas incidencias e lembran que o seguimento se vai a manter nos próximos días para comprobar a evolución do servizo e garantir o seu correcto funcionamento.

Comparte este artigo