Esta subvención, tal e como explica, a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, ten o próposito de facilitar a conciliación familiar e de axudar no esforzo económico que supón para as familias a volta ao cole.
Nos casos derivados de Servizos Sociais, a cobertura municipal do gasto ascende dende o 50 ao 100% da cuota, en función da necesidade.
A conciliación familiar é imprescindible para poder axudar a que pais e nais, ao longo de todo o ano, poidan compatibilizar a súa vida profesional coa educación dos fillos e fillas. Neste sentido, servizos como os comedores escolares ou o Plan Madruga son fundamentais.
A concelleira de Educación, Marián Sanmartín, explicou hoxe que, precisamente por iso “e co obxectivo de axudar no enorme esforzo económico que supón para todas as familias a volta o cole”, o Concello subvencionará un ano máis o comedor escolar, con 10 euros de axuda por cada neno ou nena. Esta contía é a completa para aquel alumnado que usa o comedor os cinco días. En caso de que ir menos días, aplícase de xeito proporcional.
Sanmartín explica que para beneficiarse desta axuda non é preciso realizar ningún trámite específico, “senón que se aplica de xeito directo coa inscrición do rapaz ou rapaza ao comedor, a través das Anpas ou da Fanpa”.
A maiores, desde Servizos Sociais existen axudas específicas para os casos de familias que se atopan en situación de exclusión social, ás que se lles subvenciona dende o 50 ata o 100% do importe, segundo a necesidade.