O Concello axudará a optimizar e mellorar as instalacións das traídas de auga veciñais cunha subvención de 30.000€

adminON
Lectura mínima de 4

Cun incremento do orzamento do 50%, o obxectivo é lograr un avance significativo na mellora planificada e progresiva de toda a rede de auga veciñal

O Concello do Rosal renova un ano máis a súa liña de axudas para as traídas de augas veciñais co obxectivo de mellorar as instalacións dos sistemas de captación de augas, de almacenamento e potabilización e de toda a rede de distribución. A subvención permitiu xa na última edición financiar ata o 80% do orzamento presentado, outorgando un máximo de 5.000 euros por traída.
Durante o período 2022-2023, foron cinco as comunidades de usuarios de augas veciñais as beneficiarias (San Xoán de Tabagón-As Eiras, San Xián, Marzán, Couselo e A Videira), repartíndose un total de 20.000€. As axudas materializáronse de xeito diverso, desenvolvendo diferentes actuacións segundo as necesidades de cada unha das zonas. Así, na Videira procedeuse á instalación dun sistema filtración, consistente nun filtro de cartuchos de autolimpado con nanofibras cun grao de filtración de 5 a 8 micras, polo que a maioría das partículas en suspensión quedan retiradas, mellorando o grao de turbidez da auga. Mentres, en Couselo instalouse unha máquina de cloración que permite a cloración automática da auga de subministro, sendo moito máis precisa e eliminando os inconvenientes do proceso manual.
Pola súa banda, en Marzán cambiouse a tubaxe xunto cos seus respectivos enganches ás vivendas afectadas para dar subministro de auga de consumo a varias vivendas do tramo do Camiño de Marzán, dende o cruce do Camiño da Pateira ata a subida á Praza do Xogo, dende o número 14-35 ata a Estrada de Subida de San Vicente e no tramo da Estrada de Subida a San Vicente e baixada á Praza do Xogo. En San Xián instalouse un grupo de presión co fin de abastecer a algunhas vivendas que non dispoñían de subministro de auga de consumo cunhas condicións de presión axeitas. Ademais, en San Xoán de Tabagón-As Eiras colocouse un depósito de almacenamento de auga potable co propósito de asegurar o abastecemento de auga de consumo á poboación que forma parte desta comunidade de persoas usuarias.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca “a importancia deste investimento para preservar e optimizar a xestión dun recurso tan vital como é o da auga. O noso compromiso dende o Concello é claro e así se reflexa nos orzamentos do vindeiro ano, onde se incrementou nun 50% a subvención para as traídas veciñais ata acadar o 30.000 euros para a acción planificada”. Estes orzamentos, que xa se aprobaron en pleno o pasado mes de novembro, recollen un investimento de 138.000 euros para continuar impulsando non só a colaboración ordinaria senón tamén novas melloras en todo o inventariado da rede de abastecemento municipal e veciñal, as analíticas da auga e a subvención para acción planificada.
Deste xeito, a liña de axudas para acción planificada correspondente ao vindeiro 2024 está previsto que se aprobe ao longo do primeiro trimestre do ano.

Comparte este artigo