O goberno local destaca que a resolución avala a defensa realizada durante anos dos valores ambientais, paisaxísticos, culturais e sociais das Ermitas, A Fontesanta, Antas e Cendón.
O alcalde David Carrera agradece o apoio veciñal, as 412 alegacións presentadas e o traballo conxunto desenvolvido polo Concello coa Comunidade de Montes de Antas e co asesoramento técnico de TYSGAL.
O alcalde do Concello da Lama, David Carrera, amosou a súa satisfacción pola Declaración de Impacto Ambiental desfavorable emitida pola Xunta de Galicia para os proxectos dos parques eólicos “Edreira I Modificado” e “Ampliación Edreira I”, ao considerar que esta resolución confirma a incompatibilidade destas instalacións cos importantes valores naturais, paisaxísticos, culturais e sociais existentes nesta parte do municipio.
O proxecto contemplaba inicialmente a instalación de seis aeroxeradores de ata 248 metros de altura total e unha potencia conxunta de 25,2 MW na contorna de Antas, A Canceleira e Seixido, con especial incidencia na zona de Cendón e nas proximidades das Ermitas, ademais da correspondente infraestrutura de evacuación.
O Concello da Lama mantivo desde o inicio unha posición contraria a ambos os proxectos e así o expresou formalmente nos seus informes, nos que concluíu que as actuacións resultaban incompatibles cos valores ambientais, paisaxísticos e socioeconómicos do territorio. Por este motivo, a administración municipal informou desfavorablemente tanto as solicitudes de autorización administrativa como as de construción.
Desde o goberno local considérase especialmente relevante que a resolución recoñeza expresamente a importancia ambiental e patrimonial da contorna, coa presenza das Turbeiras do Suído, hábitats naturais de interese, especies protexidas, rutas e numerosos elementos culturais, así como o valor da Romaría das Ermitas como patrimonio cultural inmaterial.
O alcalde da Lama, David Carrera, salientou que “esta resolución supón unha magnífica noticia para o noso concello porque recoñece e protexe un territorio de enorme valor natural, cultural, paisaxístico e sentimental para os nosos veciños e veciñas”.
Carrera incidiu en que “o Concello sempre tivo claro que o desenvolvemento enerxético ten que ser compatible coa protección do territorio e co futuro das nosas aldeas, e neste caso os informes técnicos demostraban que a implantación destes parques provocaría un impacto que non podiamos asumir”.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural conclúe que esta zona soporta xa unha elevada concentración de parques eólicos e que a introdución de novas instalacións tería un impacto crítico, especialmente sobre as aves rapaces, ao aumentar o risco de colisión, reducir as súas áreas de campeo e incrementar a ocupación dos escasos espazos libres existentes.
Durante a tramitación, os promotores foron reducindo progresivamente a dimensión dos proxectos, pasando da proposta inicial de seis aeroxeradores a distintas alternativas de tres, dous e mesmo un único aeroxerador. Porén, os informes ambientais mantiveron o seu carácter desfavorable ao considerar que calquera nova implantación agravaría a saturación eólica existente nesta contorna.
O Concello da Lama quere poñer tamén en valor a extraordinaria resposta social producida durante todo o procedemento. No expediente constan 412 alegacións formuladas por particulares, comunidades de montes, asociacións, organizacións e diferentes entidades, o que evidencia a implicación do territorio na defensa dos seus recursos naturais, culturais e paisaxísticos.
David Carrera destacou que “este resultado non é froito dunha actuación illada, senón de moitos anos de traballo, estudo, informes, reunións e colaboración entre veciñanza, comunidades de montes, técnicos e administracións”.
O CONCELLO CONTRATOU Á EMPRESA TYSGAL PARA SOSTENER TECNICAMENTE AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS
Neste sentido, o Concello agradece especialmente o labor desenvolvido pola Comunidade de Montes de Antas, coa que mantivo unha estreita colaboración na preparación e fundamentación dos informes ambientais e das alegacións, así como o asesoramento técnico de TYSGAL, empresa especializada contratada polo Concello, cuxo traballo permitiu documentar con rigor os posibles impactos dos proxectos.
O goberno municipal recoñece igualmente o compromiso dos veciños e veciñas de Antas, Cendón e das zonas afectadas, así como de todas aquelas persoas que participaron en reunións, achegaron información, visitaron o territorio, colaboraron na localización dos seus valores naturais e patrimoniais ou presentaron alegacións.
“É unha satisfacción comprobar que o traballo serio, a colaboración institucional e a defensa fundamentada do territorio poden dar resultados. Esta é unha resolución que pertence a todas as persoas que durante estes anos contribuíron a protexer as Ermitas, A Fontesanta, Antas, Cendón e, en definitiva, o patrimonio natural e cultural da Lama”, concluíu o alcalde.

