HomePontevedraBaixo MiñoO Concello consolida o futuro da música no Rosal coa reforma integral...

O Concello consolida o futuro da música no Rosal coa reforma integral do auditorio municipal

- Anuncio -spot_img

O Goberno municipal captou fondos externos para financiar os 900.000 euros de investimento para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética do inmoble

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, reuniuse este martes co presidente da Deputación, Luis López, para falar do proxecto

O Concello continúa dando pasos firmes para garantir o futuro da música no Rosal. O Goberno municipal xa está a traballar na reforma e renovación do auditorio municipal para convertelo nun espazo que permita consolidar o funcionamento tanto do conservatorio profesional como da Escola de Música.

O Concello captou 700.000 euros a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra para a reforma integral do inmoble e xa traballa na consecución de novos fondos externos para completar os 900.000 euros de investimento para transformar este edificio nun centro referente en accesibilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética.

“Estamos a construír o presente e o futuro da formación musical no Rosal. Con este conservatorio e a reforma do auditorio consolidamos un proxecto de grande impacto educativo, cultural e social para toda a comarca”, sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen se reuniu este martes en Pontevedra co presidente da Deputación, Luis López, para abordar este proxecto e outros temas clave para o municipio. O Concello está pendente de confirmar a captación de novos fondos para a reforma solicitados ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación ou de fondos europeos xestionados a través da Xunta de Galicia.

As obras previstas dividiranse en tres grandes actuacións: a renovación integral da envolvente exterior para mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética do inmoble; a adecuación dos accesos ao auditorio, ao museo e á escola de música para garantir a accesibilidade universal; e a reorganización interior dos espazos que ocupan o conservatorio profesional e a escola de música da Agrupación Musical do Rosal, para mellorar o seu funcionamento diario e responder ás necesidades actuais e futuras.

A rexedora lembrou que o Conservatorio Profesional de Música do Rosal, o segundo da comarca, leva desde setembro formando alumnado dos primeiros graos con 16 estudantes matriculados, e destacou a boa acollida desta nova etapa musical no municipio: “Somos un pobo de músicos e músicas, e contar cun centro de ensino profesional no Rosal foi un paso decisivo para garantir que as novas xeracións teñan acceso a unha formación de calidade preto da casa”, resaltou.

A día de hoxe, 210 alumnos e alumnas asisten á Escola de Música e 46 persoas participan nas actividades lúdicas da Agrupación Musical do Rosal, que leva anos traballando incansablemente para facer realidade este proxecto. A reforma do auditorio supón un novo chanzo nesta aposta decidida pola música, a cultura e a educación.

Publicacións Relacionadas