O concello da Estrada ten que posicionarse contra o megaproxecto de Altri

adminON
Lectura mínima de 7


O planta de celulosa consumirá 46.000 metros cúbico ao día de auga e verterá 30 mil de residuos industriais, o que terá graves repercusións para o Ulla, afectando á pesca do salmón e turismo vinculado co río

A Xunta do PP e a empresa portuguesa Altri promoven a construción dunha macrofactoría de produción de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei. Este proxecto tramitouse con absoluta falta de transparencia e con enganos, xa que durante máis de dous anos publicitouse unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación.

Estamos diante dunha actividade industrial nin nada sostible nin moito menos circular, que terá un fortísimos impactos no territorio, no ambiente, no patrimonio cultural, nas actividades socioeconómicas, no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal:

– Terá un impacto territorial e paisaxístico enorme polas dimensións xigantescas da factoría, que ten unha poligonal de 366 hectáreas, que prevé explanar, pavimentar e ocupar case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, e que afectará directa e negativamente a numerosos concellos da contorna, ademais de Palas: Agolada, Santiso, Melide… co impacto das conducións de auga, accesos e liñas eléctricas

– Terá un impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de grande valor ambiental e que están en risco de extinción. As emisións de gases contaminantes tamén terá unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante.
Se ben no concello da Estrada non hai unha afectación directa polas infraestruturas deste proxecto, a actividade desta empresa está directamente ligada ao río Ulla, pois prevé un consumo de auga directamente desde o río de 46.000 metros cúbicos ao día, o que supón máis do 10% do volume de auga do encoro de Portodemouros). E, por conseguinte, un vertido de augas industriais de 30.000 metros cúbicos ao día de volta ao río Ulla. Isto terá graves repercusións na pesca, en concreto do salmóns, xa moi mermada, e tamén sobre o turismo relacionado co río Ulla e as praias fluviais.

– Prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa.

– Vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial. E tamén terá unha incidencia negativa na actividade produtiva e polo tanto a economía da ría de Arousa.

– Condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega.

A afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa. É un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza. Estamos diante dun exemplo de libro de industria de enclave e de espolio colonial dos recursos naturais do noso país, na repetición do modelo de implantación da celulosa de ENCE na ría de Pontevedra: dispoñibilidade de solo barato, dispoñibilidade de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido, e destino principal á exportación sen peche de ciclos.

En realidade, a orixe e implantación deste proxecto ten que ver coa moratoria ao eucalipto en Portugal e ao interese da empresa promotora por dispoñer de grandes cantidades de madeira de eucalipto e entrar no lucrativo mercado da produción e comercialización de pasta de celulosa destinada á produción de fibras téxtiles.

4. Tanto a Xunta como a empresa actuaron de maneira escurantista e con enganos, publicitando unha planta circular e de produción de fibras téxtiles cando en realidade estamos diante dun macrocomplexo industrial equivalente a unha planta clásica de produción de celulosa.

Puntos de acordo da moción do BNG contra o megaproxecto de ALTRI:

1. Manifestar o rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri porque supón a consolidación dun modelo de dependencia e espolio, o incremento do proceso eucaliptizador, e porque terá múltiples afeccións negativas ao conxunto do país, ás comarcas veciñas da megafactoría, ao río Ulla e á ría de Arousa.

2. Dirixirse á Xunta de Galiza para que informe negativamente o proxecto e impulse en colaboración coas diferentes administracións e o tecido socioeconómico as seguintes iniciativas:

a) Aprobación dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación.

b) Desenvolvemento dun plan para a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do río Ulla e para a rexeneración e a reactivación produtiva da ría de Arousa.
c) O impulso da multifuncionalidade do monte, do desenvolvemento autocentrado, sustentable e equilibrado das cadeas de valor da industria forestal e a xeración de emprego de calidade neste sector estratéxico da economía galega.

3. Instar ao goberno municipal a elaborar e presentar alegacións en tempo e forma contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, polas afeccións que este causaría ao río Ulla e ao noso concello.

4. Instar ao goberno municipal a promover alegacións veciñais e pór a disposición da do conxunto da veciñanza modelos de alegación contra este proxecto.

Comparte este artigo