O concello da Guarda organiza unha xornada sobre ferramentas útiles para a busca de emprego

Redacción
  • A actividade, que se celebrará o 22 de outubro en colaboración con Provivienda e Randstad, abordará a elaboración do currículo, a mellora do perfil profesional e os perfís máis demandados no mercado laboral

O Concello da Guarda organiza este xoves, 22 de outubro, unha xornada formativa centrada nas ferramentas e recursos útiles para facilitar a busca de emprego e mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral.

A sesión desenvolverase na Casa Consistorial, en horario de 9:30 a 11:00 horas, e contará coa colaboración de Provivienda e Randstad.

A iniciativa está orientada a ofrecer ás persoas participantes coñecementos prácticos e recomendacións que lles permitan afrontar con maiores recursos os procesos de selección de persoal, coñecer as demandas actuais das empresas e mellorar a presentación das súas candidaturas.

Durante a xornada abordaranse cuestións fundamentais para a busca activa de emprego  como a elaboración dun currículo vitae, a importancia de manter actualizado o perfil profesional nos portais e plataformas de emprego e as claves para aumentar as posibilidades de contratación.

Así mesmo, analizaranse os perfís profesionais máis demandados, co obxectivo de achegar información útil sobre as necesidades actuais do mercado laboral.

As persoas interesadas en participar poden solicitar información e formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 664 64 69 73.

Comparte este artigo