A Lei europea obriga ás administracións a planificación e xestión de residuos orgánicos e a Xunta de Galiza segue incidindo, dende fai máis de 10 anos, no modelo SOGAMA.
Este modelo, que centra a xestión dos residuos na incineración, sitúa a Galiza na cola do Estado en compostaxe e reciclaxe. Así o recollen os datos oficiais de SOGAMA do ano 2021 nos que tan só se compostou o 0,2% e reciclouse o 16,6%, quedando un 83,2% para incineración e vertedoiro. O informe tamén recolle que a planta de compostaxe de Cerceda, que comezou a funcionar en 2021, produciu en todo o ano 9,96 Tn de compost cando estaba contemplado a produción de 4.000 Tn.
A pesar de que o modelo non funciona, a Xunta continúa con el favorecendo o modelo de negocio de SOGAMA que é obter un produto, ben sexa para utilizar como combustíbel na planta incineradora de Cerceda, ben sexa para utilizar como substrato na anunciada macroplanta de biometano de Cerceda, coñecida como a SOGAMA dos xurros.
A xestión dos residuos é competencia municipal e unha das solucións é a que propón SOGAMA co convenio que vai a asinar o Concello de Baiona. Un acordo no que se lle esixe ao Concello que os impropios (residuos que non corresponden) non superen o 15%.
Unha cifra que supón unha tarefa profunda de inspección e control e que favorece que eses restos non sexan compostados e vaian para combustíbel ou sustrato.
O BNG entende, logo de constatar o fracaso do sistema SOGAMA, por non estar adaptado á realidade galega cunha alta dispersión poboacional e por non ser económico nin ecolóxico, que a xestión dos biorresiduos debería establecer como prioridade o tratamento in situ (compostaxe doméstica e comunitaria), a autoxestión de proximidade por parte de grandes produtores de modo que se se limitase a recollida e transporte a planta a aquelas zonas nas que non se poida facer tratamento de proximidade (en zonas de moi alta densidade urbana). Deste xeito, a alternativa pasa por modelos de xestión como REVITALIZA (Deputación de Pontevedra até 2023), PONTEVEDRA COMPOSTA (concello de Pontevedra) ou ALLARIZ RE.
Máis aló disto, o BNG de Baiona entende que o noso concello debe ter como obxectivo camiñar a implantación destes modelos alternativos pero a realidade é que nestas circunstancias, cun PP que na Xunta de Galiza aposta por todo o contrario, debemos ir paso a paso e funcionar nun principio coa coexistencia de ambos sistemas.
Por esta razón o BNG de Baiona amosou a súa dispoñibilidade a colaborar na modificación da ordenanza municipal e no programa de xestión de residuos se a así o considera o actual goberno do PP en Baiona.