Con este convenio, o Concello quere contribuír ao impulso de proxectos innovadores de enerxías renovables, á redución das emisións de CO2 á atmosfera e ao uso eficiente das enerxías limpas.
O pleno do Concello de Baiona aproba por unanimidade o convenio coa Deputación de Pontevedra para a posta en funcionamento dunha instalación fotovoltaica de tipo autoconsumo colectivo para tamen rebaixar a factura eléctrica de veciños en situación de vulnerabilidade.
Esta colaboración busca executar a instalación e a posta en funcionamento dunha instalación fotovoltaica de capacidade inferior a 99,99 kWp formada por paneis de 540 W acompañada por un sistema de almacenamento con capacidade máxima de 50 kWh composta por baterías de litio, así como por un sistema software que permitirá ter monitorizadas as producións, co fin de promover un modelo de consumo eléctrico que sexa máis respectuoso co medio ambiente, coa consecuente redución de emisións de CO2, así como un custo enerxético máis económico para as e os consumidores da zona.
A instalación fotovoltaica realizarase no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona e terá o seu radio de acción en 2KM ao seu redor.
A nova instalación fotovoltaica será de tipo autoconsumo colectivo e incluirá polo menos un 10 % de consumidores vulnerables entre os consumidores asociados que teñan asignada, á súa vez, polo menos o 10 % da enerxía prevista da instalación e está a ser supervisada pola Concejalia de Servizos sociais segundo os abonados vulnerables nesa zona.
Deste xeito, incentívase o autoconsumo co obxecto de promover un modelo de consumo eléctrico que sexa máis respectuoso co medio, coa subsecuente redución de emisións de CO2, así como un custo enerxético máis económico para as persoas consumidoras da zona.
O investimento elixible admitido polo IDAE ascende á cantidade de cento trece mil seiscentos cincuenta e catro euros con nove céntimos (113.654,09 €). Do total do investimento, o IDAE, con cargo aos fondos NextGenerationEU, concedeulle á Deputación de Pontevedra unha axuda por importe máximo de sesenta e catro mil catrocentos corenta euros con cincuenta céntimos (64.440,50 €).
A Deputación fará unha achega adicional con fondos propios de 250 euros por cada kWp de potencia en instalacións de xeración fotovoltaica, cun límite de 100 kWp polo que achegase 24.975,00 euros, e o importe restante, ata chegar ao 100 % será por parte do Concello cunha achega de 24.238,59 euros.