O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta de Avelaíña, Nieves Piñeiro, asinaron un convenio de colaboración polo que a Asociación recibirá unha subvención de 3.000€ do Concello de Baiona para dar información e asesoramento as veciñas e veciños do municipio.
Coa firma do convenio póñense en marcha o servizo que trata de dar resposta ás demandas da poboación en relación á saúde mental, mellorando así a súa calidade de vida.
Os beneficiarios directos desta atención son persoas con necesidades de información ou con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo.
Poderán acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación doutros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde etc. E accederán ao servizo despois de ser contactadas pola psicóloga de Avelaíña que establecerá unha primeira cita.
O rexedor destacada que “coa renovación deste convenio, o Concello quere seguir recoñecendo o labor desta asociación e apoiar a súa acción social”. Desta forma, o consistorio apoia “o traballo constante que realiza a Asociación Avelaíña en beneficio da saúde mental. Temos un compromiso coa atención ás persoas con distintas necesidades neste campo e comprometémonos a seguir colaborando en anos vindeiros”.
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.
Avelaíña Val Miñor conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial con 25 prazas concertadas polo Sergas e ofrece numerosos servizos como son, información e asesoramento, apoio psicolóxico, respiro familiar e actividades de rehabilitación psicosocial a persoas afectadas e as súas familias.

