- O programa incluirá obradoiros, espectáculos, animación, chocolatada e decoración terrorífica con túnel do terror
- Ademais das actividades organizadas polo Concello, outros colectivos colaboran con propostas para esa data
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura e infancia e mocidade, organizará o próximo 31 de outubro unha xornada dedicada á celebración do Samaín, que terá lugar no Parque Ramal dos Galos con xogos e actividades diversas para a cativada e as persoas adultas.
Precisamente neste espazo presentouse hoxe o evento en rolda de prensa nun acto no que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura e mocidade e infancia, e algunhas persoas integrantes de colectivos colaboradores, como a Asociación Amodiño, Costumes de Cela e a Libraría Abrente.
Carmen García salientou que “dado o éxito do pasado ano, repetimos a experiencia do Samaín neste espazo” e animou a todas as persoas a participar neste evento que é cada vez máis demandado.
O Parque Ramal dos Galos volverá ser o epicentro de todas actividades organizadas o próximo venres, 31 de outubro, co medo e o terror como protagonistas, aínda que en caso de chuvia se trasladarán ao interior da biblioteca. De feito, o espazo estará decorado para a ocasión, con elementos terroríficos, e tamén haberá un túnel do terror deseñado pola Asociación Amodiño. Segundo explican dende o colectivo, “o noso Túnel do Terror converterase nun auténtico Circo das Emocións, unha experiencia multisensorial e inmersiva deseñada para todas as idades, con ambientación, ilumunación, son e interpretacións que farán un percorrido cheo de sorpresas”.
A xornada arrancará ás 16.30 horas co obradoiro “Lanzador pantasmal”, no que se farán manualidades. Para esta actividade haberá dúas quendas, ás 16.30 e ás 17.30 horas.
A continuación, ás 18.30 horas, Magia en la manga sorprenderá co espectáculo “En Samaín toca… maxia!”, no que atoparemos lendas e historias misteriosas, as pantasmas, as bruxas… e todo adobiado con maxia para todos os públicos. Esta actividade conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do programa + Escénicas.
A xornada culminará ás 19.30 h coa animación a cargo do “Morcego bueués voador”.
Esa mesma tarde, coa colaboración do tecido comercial do barrio, haberá un roteiro no que os nenos e nenas poderán participar e que consiste en percorrer os establecementos da zona para responder preguntas sobre o Samaín, o magosto e esta época. Entre todos e todas os que repondan este ‘trivial’ haberá sorteos diversos.
Máis actividades para o Samaín
A maiores, outros colectivos da vila organizan actividades para celebrar esta data. Tal é o caso da Libraría Abrente, que continúa cos contacontos o 31 de outubro pola mañá. Ese día ás 12 horas, o Estaleiro de Purro acollerá unha sesión na que se presentarán os contos Algo pasa na casa do lobo, Happy Halloween, Corre corre, cabaciña e Demasiados malvados. Dende Abrente animan ás familias a participar dado que “son contos de animación á lectura e adaptados a todas as idades”.
Pola súa banda, en Cela haberá un magosto coa Asociación Costumes de Cela, que terá lugar o domingo 2 de novembro partir das 16.30 horas no Adro da parroquia. Nel haberá castañas de balde, animación, xogos tradicionais, obradoiro de magosto e inchables.



