HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu organiza un monte de actividades medioambientais en Cabo...

O concello de Bueu organiza un monte de actividades medioambientais en Cabo Udra

- Anuncio -spot_img
  • Os eventos desenvolveranse na propia Aula e na súa contorna e haberá propostas para todos os públicos
  • As persoas que desexen participar deberán apuntarse previamente de balde nos formularios habilitados na web de Alados

O Concello de Bueu continúa este verán cun monte de actividades na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna, destinadas a todos os públicos e coas que pretende potenciar un dos emblemas da vila tanto entre a propia veciñanza como para o público visitante.

Despois da gran acollida deste programa o ano pasado e tamén en xullo desta tempada, a concellaría de turismo volve apostar un calendario moi completo de propostas para agosto, que serán desenvolvidas pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza. O obxectivo das actividades é fomentar o coñecemento sobre os espazos da contorna cun especial fincapé na parte medioambiental.

As actividades xa se organizaron no mes de xullo, e para agosto volverá haber propostas para todos os públicos. O venres 1 de agosto desenvolverase un paseo ao solpor baixo o título de “Flora de Udra”, no que se explicará a flora litoral típica deste espazo natural costeiro e tamén se gozará do solpor e da paisaxe. O paseo será ás 21.00 horas dende a Aula da Natureza, e volverase repetir o 22 de agosto ás 20.30 horas.

O domingo 3, ás 11.30 horas, será o obradoiro infantil “Pegadas de Animais”, destinado a público infantil de seis anos en diante, e no que se elaborarán pegadas de diferentes animais en arxila.

O 8 de agosto haberá un paseo ao solpor sobre as aves de Udra, que sairá ás 20.30 horas da Aula da Natureza e na que poderán participar todos os públicos, incluídos nenos e nenas de sete anos en diante. Este paseo volverá repetirse o 29 de agosto ás 20.00 horas.

O 10 de agosto propoñerase un safari intermareal en familia, que comezará ás 11.30 horas e no que poderán participar todas as persoas e menores de máis de seis anos. Nesta actividade farase unha exploración do medio intermareal así como unha investigación de charcas e sistemas rochosos intermareais e a diversa e valiosa fauna que o habita.

O 16 de agosto, ás 12.00 horas, terá lugar o obradoiro infantil de estampación floral, destinado a nenos e nenas de sete anos en diante. Nel aprenderase a estampar flores con pintura e desenvolverase na propia Aula.

O 17 será a quenda da Senda do Litoral entre Ancoradouro e Lagos, que sairá ás 10.30 horas dende o aparcadoiro da Praia de Ancoradouro e no que poderán participar tódolos públicos, incluída a cativada de oito anos en diante.

O 23 de agosto haberá outro obradoiro en familia sobre comedeiros de aves, que se desenvolverá ás 12.00 horas e no que se aprenderá a elaborar comedeiros para aves paseriformes.

O 24 de agosto , ás 10.30 horas, farase o seguinte tramo da Senda do Litoral, que comprende entre Mourisca e Tuia. Nel poden participar tódolos públicos e nenos e nenas de oito anos en diante. O punto de encontro será o aparcadoiro da praia de Mourisca.

E xa por último, o 31 de agosto, terá lugar un roteiro circular por Cabo Udra ás 10.30 horas para público familiar.

Ademais das actividades propostas, as persoas interesadas poderán visitar a Aula da Natureza de Cabo Udra, que estará aberta durante as fins de semana ata o 31 de agosto. Concretamente, o horario será os venres de 17 a 21.00 horas; e os sábados e domingos, de 10.30 a 14.30 horas.

Para todas as actividades requírese inscrición previa de balde na páxina web de Alados.

Publicacións Relacionadas