Unha empresa especializada está a poñer a punto estes elementos mediante unha metodoloxía que permite a limpeza e retirada de maleza sen utilizar produtos nocivos para a contorna
O alcalde, Jacobo Pérez, pasou revista a esta actuación, que xa se levou a cabo en lugares como a rúa José Sesto Casal ou A Ferrería, e que continuará en Dolores Mosquera
O Concello de Caldas de Reis está levando a cabo nestes días unha actuación para a limpeza e posta a punto dos alcorques situados en diferentes lugares do casco urbano da vila termal. O Goberno local contratou a unha empresa especializada para levar a cabo retirada de maleza mediante traballos nos que non se fai uso de ningún tipo de produto nocivo nin para a persoas nin para a superficie, garantindo, deste xeito, unha acción eficaz e respectuosa coa cotorna.
A execución destas tarefas estase levando a cabo en dúas fases. Por unha parte, os operarios xa levaron a cabo esta limpeza sustentable dos alcorques na rúa José Sesto Casal, así como na Ferrería. Está previsto que, se as condicións meteorolóxicas o permiten, se continúe en Dolores Mosquera. “Isto podería parecer un tema menor, pero para nós é fundamental garantir que as nosas rúas gocen dun bo aspecto e as nosas árboes dunha boa saúde”, indicou o alcalde, Jacobo Pérez, que hoxe estivo inspeccionando o estado nos alcorques que xa foron tratados.
Os alcorques son os espazos arredor dos cales medran as árbores prantadas en zonas pavimentadas. A súa conservación é moi importante, xa que é un elemento que facilita o regado e a absorción de auga, ademais da entrada de aire de nutrentes ás raíces de cada árbore. Ademais, serve como protección contra posibles danos que poidan causar o tránsito de vehículos ou de transeúntes. O alcalde de Caldas de Reis incide en que esta actuación é unha demostración máis “do noso compromiso co medio ambiente”. Con respecto á contratación dunha empresa especializada para a realización destes traballos, Pérez Gulín explica que se optou por esta opción dados os recursos limitados do persoal do Concello. “Isto non nos vai impedir que sigamos atopando solución eficaces, eficientes e sustentables para manter nas mellores condicións o noso concello, tanto nos núcleos urbanos como no rural, velando sempre pola calidade de vida da veciñanza”, concluíu o rexedor socialista.