O Goberno local traballa na tramitación para adquirir unhas parcelas que servirán para acoller no futuro prazas de estacionamento, equipamentos e eventos lúdicos de todo tipos
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta esta ambiciosa actuación dentro da folla de ruta a seguir para “facer que o noso concello continúe medrando, mentres construímos o Caldas do futuro, coa prioridade de seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza”
O O Concello de Caldas de Reis está a traballar nunha actuación encamiñada a continuar incrementando os espazos públicos para toda a veciñanza. O alcalde, Jacobo Pérez, mantivo este pasado venres unha reunión con técnicos municipais para analizar a tramitación previa ás xestións que desde o Goberno local se van facer para adquirir uns terreos que, unha vez pasen a ser de titularidade pública, servirán para dotalos de novos espazos verdes e zonas para acoller a celebración de eventos, festas e actividades de todo tipo. Ademais, tamén se contempla a ampliación de máis espazos de estacionamento.
Pérez Gulín adiantou que o Concello prevé adquirir estes terreos, que actualmente son de titularidade privada. O rexedor caldense confía en que as xestións conclúan no menor tempo posible, de xeito que a compra se poida facer realidade “para que continuemos medrando como concello e sigamos construíndo o Caldas do futuro que queremos”. Estes terreos atópanse nas inmediacións da Tafona, que a día de hoxe xa é un punto de encontro de referencia para a veciñanza. “Cos novos terreos reforzaremos nesta contorna un área que será ideal para seguir consolidando esta zona como punto interxeracional, con novos equipamentos e coa posibilidade de acoller celebracións e eventos lúdicos, culturais e deportivos”, explicou o alcalde.
Con este proxecto, o Goberno municipal segue a cumprir coa súa filosofía de promover actuacións e iniciativas que axuden a mellorar a calidade de vida da cidadanía. Estas xestións dan continuidade ás realizadas nos últimos meses con outras institucións e que tamén serviron para que Caldas de Reis incrementase os seus espazos públicos. Cómpre lembrar que en xuño confirmouse a cesión, por parte do Goberno central, de dúas parcelas en Rabexe, na parroquia de San Andrés de César, cunha extensión de máis de 80.000 metros cadrados e que servirán para acoller novas infraestruturas, aparcamentos e instalacións e eventos deportivos. Esta nova dotación fíxose realidade grazas ás negociacións promovidas polo Goberno local caldense co
Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, que cedeu estes terreos sobrantes das expropiacións levadas a cabo para a construción da Variante da N-550.
Limpeza río Bermaña
Noutra orde de cousas, o Concello está a levar a cabo estes días varios traballos de conservación e limpeza en diferentes puntos do municipio. Unha destas actuación estase a levar a cabo no río Bermaña. Son tarefas que se centran na retirada de restos e que axudan a garantir a preservación do ecosistema do río, ademais de mellorar na seguridade de cara a cando volva a época de choivas.