O Concello de Covelo vén de convocar a sexta edición do Concurso de Fotografía co que se elaborará o calendario municipal do ano 2026, baixo o título “Covelo, Cultura, Turismo e Patrimonio”.
O obxectivo desta iniciativa é promover a participación da veciñanza e de todas as persoas amantes da fotografía, tanto residentes como visitante que durante o ano recollen imaxes de paisaxes, eventos, costumes e lugares emblemáticos do noso concello. O calendario pretende ser, un ano máis, un medio de promoción turística, cultural e patrimonial de Covelo, amosando a beleza e identidade do municipio a través da mirada das persoas participantes.
Seleccionaranse 12 fotografías, que ilustrarán os meses do calendario municipal 2026.
Poderá participar calquera persoa interesada, e no caso de menores de idade, deberán contar coa autorización do pai, nai ou titor/a legal. Quedan excluídos os empregados/as municipais e os membros da Corporación.
O certame establece tres premios principais:
- 1º Premio: Curso intensivo de fotografía de 2 días (8 horas), presencial ou online.
- 2º Premio: Dúas ampliacións fotográficas 40×30 cm sobre soporte ríxido ou copia en papel museo.
- 3º Premio: Unha ampliación fotográfica 40×30 cm sobre soporte ríxido ou copia en papel museo.
Os premios entregaranse coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Covelo.
As fotografías poderán presentarse ata o 27 de novembro de 2025 ás 13:30 h, na Biblioteca Municipal de Covelo (Travesía de Vigo nº 7), de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h.



