HomePontevedraO BNG de Vigo esixe unha rectificación inmediata dos recortes anunciados na...

O BNG de Vigo esixe unha rectificación inmediata dos recortes anunciados na sanidade pública este verán

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista denuncia que o peche de 174 camas hospitalarias e as alertas sobre os centros de saúde anticipan un novo período estival cunha atención sanitaria saturada

Xabier P. Igrexas: “Para o PP as viguesas e vigueses non podemos enfermar no verán”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe unha rectificación inmediata e completa dos recortes anunciados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante este verán. Así o demandou este luns o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen cualificou de “nefasta” a planificación sanitaria na cidade e no conxunto da área por parte da Xunta do Partido Popular (PP).

A fronte nacionalista denuncia que o peche previsto de até 174 camas nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro van provocar de novo a “masificación e saturación” da atención sanitaria, como ocorreu nos últimos anos, con pacientes agardando máis de 24 horas para un ingreso hospitalario.

O portavoz do Bloque cuestionou esta medida da Xunta nunha área como a viguesa con máis de 12 mil persoas agardando por unha intervención cirúrxica. Datos do Sergas que, advertiu Igrexas, só reflicten unha parte da realidade das listas de espera máis elevadas de Galiza. “É inaceptábel que se pechen camas esenciais para a atención de ingresos e tamén para a realización de probas complexas e de intervencións”, afirmou.

Alertou tamén o voceiro nacionalista sobre as “graves incertezas” nos centros de saúde da cidade, despois de que a propia xerencia da área sanitaria recoñecese que este verán vai ser especialmente complexo. “Isto anticipa un ano máis con consultas pechadas, máis espera para unha cita, sobrecarga no persoal sanitario, millares de crianzas sen pediatra e pacientes crónicas sen un seguimento adecuado”, subliñou.

Dende o BNG esixiron por estes motivos unha rectificación da Consellaría de Sanidade, garantindo o persoal necesario para atender a rede pública durante o verán. “Para o PP as viguesas e os vigueses non podemos enfermar durante o verán, nin temos dereito a unha atención sanitaria digna durante desde xuño até setembro”, ironizou Igrexas, quen considerou esta decisión un paso máis no desmantelamento da sanidade pública por parte do Goberno galego.

Publicacións Relacionadas