O Concello de Covelo executa melloras no campo de fútbol municipal Amable Ramón “Moncho”

adminON
Lectura mínima de 3


O proxecto contempla o cambio de cuberta, limpeza e pintado das gradas e forma parte do plan municipal de mellora de instalacións deportivas no que se contempla obras na piscina municipal, no pavillón e a construción dun ximnasio.

O Concello de Covelo informa que a Deputación de Pontevedra a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas concedeulles 32.568,36€ para o cambio de cuberta, limpeza e pintado da grada do campo de fútbol municipal Amable Ramón Martínez Vidal “Moncho”. Con esta intervención o Concello instalará unha nova cuberta nas gradas que contan cun aforo de 300 prazas.

Ademais o Concello executará obras de limpeza e pintado para que todas as persoas poidan desfrutar das actividades deportivas que se organizan ascendendo o total do proxecto a 48.264,30€  dos que o Concello achegará 15.695,94€.

No campo de fútbol do Concello de Covelo adestran e xoga o Club de Fútbol Covelo e os veteranos que compiten en terceira federación. O Club de Fútbol Covelo ten abertas as súas porta a todos os deportistas que queiran formar parte do equipo e anima a todas as veciñas e veciños a participar nos partidos e tamén a asociarse para apoiar ao Club que permite a práctica deportiva federada e oferta unha actividade de lecer para todas e todos.

Estas obras, enmárcanse no plan municipal de mellora de instalacións deportivas no que está previsto a mellora da piscina municipal, o arranxo das baixantes e canalóns do pavillón polideportivo e a construción e equipamento dun ximnasio no seu interior. Estas obras serán executadas ao longo deste ano 2025 con cargo ao plan mais provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde manifesta a importancia de seguir mellorando e investindo nas instalacións deportivas de modo que resulten atractivas para a práctica deportiva en todas as idades e fomenten  hábitos de vida saudable nun entorno de calidade e ben conservado. Agradece o esforzo que está facendo a Deputación de Pontevedra para dotar aos concellos dos fondos  necesarios para acometer este tipo de obras.

Comparte este artigo