O Concello de Covelo pon en marcha un verán máis, dúas actividades educativas e de lecer destinadas á infancia e xuventude do municipio: o VIII Campus Multideporte 2025 e a Escola de Verán 2025, dúas iniciativas que combinan aprendizaxe, deporte e conciliación familiar.
O VIII Campus Multideporte celebrarase do 23 ao 30 de xuño en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 h) e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos. A actividade, que conta cun máximo de 27 prazas, inclúe propostas deportivas variadas como fútbol, baloncesto, tenis ou un bautismo de barranquismo. A metodoloxía é lúdica, participativa e inclusiva, e ten como obxectivo principal promover o traballo en equipo e a diversión nas vacacións escolares.
Esta iniciativa está organizada polo Concello de Covelo e financiada pola Deputación de Pontevedra, a través do programa “Plan Máis Provincia 2025 – liña 2”, cun orzamento municipal de 1.619,42 €. O prezo de inscrición será de 10 € para persoas empadroadas e 20 € para non empadroadas, con prazos de inscrición abertos do 2 ao 6 de xuño.
A Escola de Verán 2025, pola súa parte, desenvolverase durante todo o mes de xullo e na primeira semana de setembro, en horario de 09:00 a 14:00 h, con opción de servizo de conciliación de 08:00 a 15:00 h. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 13 anos, conta cun máximo de 32 prazas e ofrecerá obradoiros creativos, actividades ambientais, deportivas e culturais, así como accións de sensibilización pola igualdade.
Esta escola está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade, polo Ministerio de Igualdade e cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no marco do Plan Corresponsables. O prezo será de 20 € para persoas empadroadas (xullo) e 10 € en setembro, sendo o dobre para non empadroadas. O prazo de inscrición será do 28 de maio ao 3 de xuño.
Ambas actividades contan con monitorado cualificado e están deseñadas para garantir unha participación segura, educativa e divertida para todas as persoas inscritas, tendo en conta tamén as necesidades específicas de menores con diversidade funcional.
Para máis información ou formalizar a inscrición, as persoas interesadas poden dirixirse aos Servizos Sociais do Concello de Covelo ou chamar ao teléfono 986 650 027 (ext. 3).