O concello de Cuntis aposta por dotar ao CPI Aurelio Marcelino Rey García do Plan Madruga a partires do vindeiro curso

adminON
Lectura mínima de 4

O alcalde, Manuel Campos, mantivo unha reunión con  representantes da ANPA e confirmou que a Administración local  publicará un bando explicando os detalles do plan e abrirá un  período de inscrición 

O rexedor cuntiense tamén deu traslado do recente encontro  mantido co delegado territorial da Xunta de Galicia, no que se lle deu  traslado da necesidade de axilizar os proxectos de rehabilitación da  cuberta e da fachada exterior do colexio 

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo o  pasado luns unha reunión con representantes da Asociacións de Nais e Pais  de Alumnos (ANPA) do CPI Aurelio Marcelino Rey García, para abordar a  situación actual na que se atopa o centro e as accións e iniciativas a  desenvolver para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa. Logo  deste encontro, Campos Velay anunciou que o Concello dará os pasos  necesarios para establecer o Plan Madruga no colexio, coa idea de que entre  en vigor no vindeiro curso lectivo (2024-2025). O Goberno municipal publicará  nas vindeiras semanas un bando, no que se explicarán os detalles deste  servizo. Ademais, abrirase un período de anotacións. O Plan Madruga é un  servizo que ten como obxectivo axudar ás familias a conciliar mellor a súa vida  laboral co horario escolar dos seus fillos/as, ampliando a apertura do colexio  antes do horario lectivo do mesmo.

Outras actuacións que o Concello de Cuntis prevé desenvolver no CPI teñen que  ver con arranxos e labores de mantemeneto, así como de acondicionamento  exterior. Ademais, acordouse coa ANPA proceder ao pintado da aula que fai as  veces de comedor escolar. Estas tarefas levaranse a cabo unha vez rematado o  curso, coincidindo coas vacacións de verán, de xeito que o espazo estea listo  para a vindeira tempada lectiva. Asemade, o alcalde cuntiense deu traslado aos  representantes da ANPA do Aurelio Marcelino Rey García dos detalles da  reunión que hai unhas semanas mantivo co delegado territorial da Xunta de  Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, na que se lle trasladou, entre outras  demandas, a necesidade de que a Administración autonómica asuma a  rehabilitación e reparación integral tanto da fachada como da cuberta do centro  educativo, así como a dotación dunha nova caldeira. Neste sentido, Campos  explicou que hai uns días técnicos da Consellería de Educación visitaron as  instalacións, polo que “confiamos en que esta demanda histórica quede cuberta  o antes posible”. 

O alcalde Campos Velay valora positivamente o encontro coas persoas  integrantes da directiva da ANPA e recalcou o compromiso que ten o Concello  de Cuntis á hora de ir da man coa comunidade escolar, de maneira que  “poidamos, dentro das nosas competencias, intentar satisfacer as súas  necesidades”. O rexedor socialista deixou claro tamén que o ámbito educativo  “é unha prioridade para esta Goberno”, como así o demostran os grandes  investimentos neste eido, como son os máis de 115.000 euros que se destinan  ao Programa Cuntilín, un servizo de conciliación que “permite a un gran número  de familias do noso concello a poder compaxinar a súa vida laboral e familiar”.

Comparte este artigo