HomeVigoMosO Concello de Mos acolle o Campus As Celtas en As Baloutas...

O Concello de Mos acolle o Campus As Celtas en As Baloutas entre o 21 e o 25 de xullo

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos presentou o Campus As Celtas 2025, que se vai celebrar entre o 21 e 25 de xullo nas instalacións deportivas de As Baloutas organizado polo Real Club Celta.

O acto de presentación do campus contou coa presenza de Sergio Álvarez, membro do Consello do Celta, a quen a alcaldesa Nidia Arévalo quixo agradecerlle a súa asistencia, así como o compromiso do club celeste coa promoción do deporte feminino no municipio. Tamén asistiron membros da directiva e do corpo técnico da UD Mos.

Nidia Arévalo aproveitou a ocasión para trasladarlle a súa felicitación ao equipo As Celtas polo seu recente ascenso, acadado no seu primeiro ano de vida, destacando ademais o seu vínculo co tecido deportivo de Mos. Igualmente, volveu trasladarlle os seus parabéns ao Celta pola súa clasificación europea, subliñando que “Mos viaxará por Europa da súa man”.

No tocante ao campus, está dirixido a nenas de entre 7 e 16 anos, cun total de 60 prazas dispoñibles. Desenvolverase en horario de 9:30 a 14:00 horas e incluirá adestramentos baseados na metodoloxía oficial do RC Celta, equipamento deportivo completo (camiseta, pantalón e medias), merenda diaria, acto de clausura con entrega de diplomas e sorteo de agasallos e a posibilidade de acceder ao Premio Afouteza, que consiste en adestrar con A Canteira do RC Celta.

Están contemplados descontos especiais para participantes con carné celtista ou federadas en clubs conveniados e colaboradores. Os interesados poden obter máis información ou inscribirse na páxina rccelta.es.

Esta actividade está deseñada cun enfoque lúdico, formativo e inclusivo, promovendo valores como a convivencia, a igualdade, a identidade e o espírito deportivo. O campus contribúe ademais a facilitar a conciliación familiar durante o período estival.

Esta actividade vai dirixida a nenas que queiran levar a cabo unha actividade física ao aire libre e en contacto con outras rapazas, que queiran vivir a súa primeira experiencia practicando fútbol (xa sexa porque fan habitualmente outros deportes ou ningún) ou que xogan ao fútbol e queren reforzar as súas competencias futbolísticas; tamén se queren ser observados por técnicos das categorías inferiores do RC Celta. Tódalas áreas e contidos serán adaptados para que tanto as participantes de menor idade como as maiores poidan ver cumpridas as súas necesidades.

Nidia Arévalo quixo destacar no acto de presentación que “é unha honra para nós contar con iniciativas coma esta, que apoian o crecemento das futuras xeracións do deporte feminino en Mos. Porque estas nenas que hoxe van participar neste campus poden ser As Celtas do futuro”.

Publicacións Relacionadas