HomeVigoMosO Concello de Mos acorda o inicio do expediente para rescindir o...

O Concello de Mos acorda o inicio do expediente para rescindir o contrato coa empresa concesionaria do SAF

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos acordou na Xunta de Goberno celebrada hoxe o inicio do expediente para rescindir o contrato coa empresa que actualmente xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A empresa concesionaria xa foi notificada desta decisión e o asunto será levado ao próximo Pleno para a súa ratificación.

A medida adoptouse tras detectarse múltiples incidencias e deficiencias na prestación do servizo, entre as que se atopan: rotación excesiva do persoal auxiliar, demora en trámites e xestións, falta de actualización dos proxectos de intervención individuais, incumprimento de horarios de atención, deficiencias na organización do servizo, incumprimentos en recursos humanos e materiais, e erros de facturación.

O Concello de Mos está xa a traballar na tramitación dun novo contrato que garanta un servizo de calidade, estable e eficaz para todos os usuarios e usuarias do SAF, incorporando as melloras que xa estaban reflectidas no acordo anterior coa empresa en cuestión e que, a día de hoxe, están a incumprir: máis recursos humanos, acompañamento aos usuarios sen rede familiar ás citas médicas, limitación da rotación de auxiliares, zonificación das auxiliares e dotación completa de axudas técnicas e medios necesarios para realizar o traballo con seguridade.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, subliñan que a prioridade absoluta é garantir a continuidade da atención e o coidado das persoas usuarias, asegurando que o servizo cumpra coas súas necesidades e coas esixencias de calidade que merece a cidadanía.

O contrato agora obxecto de rescisión fora aprobado en Pleno en novembro e adxudicado en abril, cun importe anual de 1.592.178 euros. Desde a súa posta en marcha detectáronse deficiencias na prestación que motivaron a decisión de iniciar o expediente de rescisión, coa finalidade de garantir un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades reais das persoas usuarias.

Publicacións Relacionadas