O Concello de Mos aproba dúas novas fases da conexión exterior de abastecemento do Celta360

Redacción

As novas actuacións estenderán a conexión desde PEMOS-Veigadaña ata a Biblioteca de Mos e desde o cruzamento da A-55 ata o bombeo 2, que se suman á fase 2.2 xa está en execución no Coto dos Mosquitos

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou hoxe as dúas novas fases da conexión exterior de abastecemento do Proxecto de Interese Autonómico Factoría do Deporte Galego-Celta 360, promovido polo Real Club Celta.

En concreto, aprobáronse as fases 1.1 e 1.3, que se incorporan a un proxecto único de abastecemento ao ámbito do Celta 360. A estas dúas actuacións súmase a fase 2.2, xa aprobada e actualmente en execución, correspondente ao tramo final do depósito regulador de 1.500 metros cúbicos do Coto dos Mosquitos.

A rede de abastecemento prevista será cedida ao Concello de Mos unha vez finalizadas as actuacións, polo que a execución destas infraestruturas permitirá ampliar e mellorar a capacidade da rede municipal.

As zonas nas que se actuará

A fase 1.1 corresponde ao tramo inicial da conexión coa rede existente municipal  dende o depósito Pemos-Veigadaña, ata a zona da Biblioteca de Mos. O proxecto inclúe tamén o bombeo 1, situado en PEMOS-Veigadaña.

A actuación contempla unha condución de impulsión de 250 milímetros de diámetro e 1.580 metros de lonxitude, cun orzamento de contrata de 1.118.569,13 euros.

A fase 1.3 actuará entre o cruzamento da A-55 e o bombeo 2. O trazado inclúe o paso da A-55 mediante perforación dirixida e tamén o paso da AP-9. En total, serán 1.038 metros de nova condución, cun orzamento de contrata de 611.126,53 euros.

Esta actuación inclúe ademais unha mellora da rede existente no Camiño da Serra da Auga, en Veigadaña, na parroquia de Petelos.

Pola súa banda, a fase 2.2, xa en execución, corresponde ao tramo final asociado ao depósito regulador de 1.500 m³ do Coto dos Mosquitos, unha infraestrutura destinada a completar a rede de abastecemento vinculada ao proxecto.

Unha infraestrutura que quedará para Mos

O conxunto das actuacións permitirá configurar a conexión exterior de abastecemento do Celta 360 e, unha vez rematadas, a infraestrutura será cedida ao Concello de Mos para a súa incorporación á rede municipal.

Para Mos, isto supón contar no futuro cunha nova infraestrutura de abastecemento integrada na rede municipal, con novos tramos de condución, elementos de bombeo e capacidade de regulación mediante o depósito do Coto dos Mosquitos.

As obras afectan a diferentes puntos do municipio, desde PEMOS-Veigadaña e o Camiño da Serra da Auga ata a contorna da Biblioteca de Mos e o Coto dos Mosquitos, ademais dos cruces das autoestradas A-55 e AP-9.

As tres fases forman parte dun proxecto único de conexión exterior de abastecemento, actualmente en diferentes etapas de aprobación e execución. Con aprobación hoxe das fases 1.1 e 1.3, e coa fase 2.2 xa en obras, continúa o desenvolvemento desta infraestrutura vinculada ao Celta 360 e futura rede municipal de abastecemento.

Comparte este artigo