A autora compartiu coa veciñanza a súa segunda obra poética nun acto celebrado na Biblioteca Municipal María Magdalena
O Concello de Mos celebrou este martes a presentación de “Adicatorias da ialma”, o segundo libro da escritora mosense Cristina Lago, nun encontro coa poesía que tivo lugar na Biblioteca Municipal María Magdalena.
Nacida en Mos en 1985, Cristina Lago escribe poesía desde nova. Despois de publicar “Poemas pra rir, chorar ou as dúas á vez”, a autora presenta agora unha nova obra na que reúne poemas dedicados a persoas e a diferentes temas, entre eles o amor, a resiliencia e a muller.
A través dos seus versos, Lago expresa a súa maneira persoal de achegarse aos sentimentos e ás experiencias da vida. A súa escrita está tamén vinculada á lingua galega, á paisaxe e á cultura de Galicia, con Rosalía de Castro entre as súas referencias literarias.
No seu percorrido persoal, a autora recoñeceu tamén o apoio da súa familia, da súa mestra de primeiro de Bacharelato e da súa veciña María Magdalena.
O encontro permitiu achegar ao público o traballo literario de Cristina Lago e compartir unha obra que aborda, desde a poesía, cuestións relacionadas cos afectos, a memoria e as experiencias persoais.
É ben sabido que, dentro do amplo universo da literatura, a poesía adoita ocupar un espazo menos visible ca outros xéneros literarios. Por iso, presentacións coma a de hoxe teñen un valor especial: porque contribúen a darlle voz, presenza e protagonismo a un xénero que, malia non contar sempre coa atención que merece, segue a ser unha das formas máis profundas e fermosas de expresar o que somos e o que sentimos.
Desde o Concello de Mos destácase a importancia de apoiar e dar visibilidade ás persoas da localidade que desenvolven a súa actividade creativa e contribúen á vida cultural do municipio.
O Concello agradece á autora que compartise a súa obra coa veciñanza e á Biblioteca Municipal María Magdalena por acoller este encontro literario.

