Todos os efectivos municipais, encabezados pola alcaldesa Nidia Arévalo, seguen a percorrer o municipio ata restablecer por completo a normalidade.
O Concello de Mos informa que na xornada de hoxe martes se reinicia toda a actividade municipal nas instalacións públicas, logo do apagón xeral producido nas últimas horas que afectou a múltiples puntos do municipio. Dende o primeiro momento da incidencia, activouse un dispositivo especial de emerxencia co obxectivo de garantir a seguridade, atención e benestar da veciñanza.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, convocou con carácter de urxencia unha reunión no propio Concello coa participación do goberno local, o xefe da Policía Local e o responsable do Servizo Municipal de Emerxencias, co fin de coordinar unha resposta rápida e eficaz ante a situación.
Como principais actuacións levadas a cabo, destacan:
- Despregue de patrullas por todas as parroquias e barrios do municipio, tanto da Policía Local como do servizo de Emerxencias, co obxectivo de detectar e resolver calquera incidencia derivada do apagón.
- Reparto de linternas e subministración de produtos de primeira necesidade, nos casos nos que a falta de subministración eléctrica afectaba directamente ao benestar das persoas.
- Contacto directo con todos os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para comprobar o seu estado e ofrecer apoio inmediato se fose necesario.
- Coordinación da subministración de electricidade a través de xeradores, especialmente para persoas con equipos de osíxeno domiciliario ou outras necesidades médicas.
- Contacto cos centros de día e principais instalacións de cada parroquia, para garantir a continuidade dos servizos básicos e a protección das persoas usuarias.
- Intervención nunha residencia de maiores do municipio, onde se levou a cabo o reparto de auga potable co fin de garantir o acceso a este recurso esencial durante a interrupción do servizo eléctrico.
O operativo continúa na xornada de hoxe, con equipos municipais desprazados polo termo municipal para seguir solventando posibles incidencias puntuais que poidan ir xurdindo, así como para facer un seguimento da situación e asegurar o retorno á normalidade.
Desde o Concello de Mos transmítese un agradecemento a toda a veciñanza pola súa colaboración e comprensión durante este episodio, así como ao persoal municipal, Policía Local, Protección Civil e demais servizos de emerxencia pola súa resposta rápida e eficaz.
Así mesmo, infórmase de que hoxe martes se restablece completamente a actividade administrativa e de atención ao público en todas as instalacións municipais, incluídas oficinas ecentros deportivos, co obxectivo de recuperar o funcionamento normal da vida municipal canto antes.
O Concello manterase vixiante ante calquera nova incidencia e lembra á cidadanía que pode contactar cos servizos municipais a través dos teléfonos de emerxencia para calquera necesidade.