O concello de Nigrán acende este sábado o Nadal da man de Barafunda e os pallasos de hospital de Galiclown

Redacción

A praza do Concello acollerá a partir das 17:30 o espectáculo de clown e globoflexia ‘Globotolo’, ás 18:45 premerán o botón os pallasos de hospital e ata as 20:00 unha discoteca de Nadal animará ao público familiar

O Concello de Nigrán recibirá o Nadal oficialmente este sábado 28 de novembro coa festa do acendido a cargo de Barafunda e os pallasos de hospital ‘Galiclown’ como mans inocentes que preman o botón. A diversión comezará ás 17:30 horas na Praza do Concello da man de Lolo co seu espectáculo ‘Globotolo’, no que mestura globoflexia de figuras imposibles con divertidos gags que implicarán a todos os asistentes. Este rematará ás 18:30 para dar paso ás 18:45 horas aos seus compañeiros de Galiclown, elixidos este ano polo Concello como protagonistas da clásica conta atrás e acendido. A continuación, unha discoteca de Nadal pensada para un público familiar animará aos asistentes con música e xogos a cargo de animadores de Barafunda. Calquera cambio por mor da chuvia publicarase en redes sociais do Concello.

Galiclown é unha entidade formada por unha trintena de voluntarios que dúas veces en semana acude ao Hospital Álvaro Cunqueiro para tratar de facer rir á rapazada alí ingresada.”Estamos moi orgullosos de que sexan os protagonistas do noso Nadal, esta é unha forma máis de visibilizar o seu traballo e outorgarlle o noso recoñecemento”, explica o alcalde, Juan González, quen este ano asinou un convenio de colaboración de 5.000 euros con esta entidade que ven de mudar a sua sede social a Nigrán grazas ao Concello e á AVV Monteferro-Panxón. “Ter un fillo ou unha filla ingresado é a dor tremenda para toda a familia, que un pallaso de repente entre na habitación e consiga levantar unha sorrisa a unha crianza enferma é un revulsivo emocional que, sen dúbida, axuda tamén a sanar”, considera o alcalde, coñecedor en primeira persoa desta situación.

Co acendido das luces de Nadal, o Concello presentará toda a programación cultural e de ocio prevista para estas datas e que estará dispoñible na web municipal.

Comparte este artigo