Tratase do IV encontro de docentes, familias e técnicos involucrados no programa de transformación de espazos educativos ‘Mestra de obra’, responsables do proxecto de bosque-escola en Vilariño e Camos
O Concello de Nigrán acolle un verán máis o encontro de docentes, familias e técnicos involucrados no programa de transformación de espazos educativos ‘Mestra de obra’, o equipo de Sistema Lupo, responsable a través do arquitecto Fermín Blanco do deseño dos bosques-escola do CEIP Carlos Casares de Vilariño, onde están as obras en marcha, e do proxecto no CEIP da Cruz (Camos). A convivencia ten lugar no CEE de Panxón desde hoxe e ata o domingo e está aberta a toda aquela persoa que desexe unirse (o programa pode consultarse na ligazón https://sistemalupo.com/eventos/lupo-entre-redes-2025/ )
O evento repite en Panxón, bautizado desde 2024 como ‘Lupo entre redes’, e empezará hoxe ás 17:00 horas cunha visita guiada ao Templo Votivo do Mar, do arquitecto Antonio Palacios e que este ano está a ser obxecto de restauración. Seguirá coa presentación do evento ás 18.00 horas coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán.
O sábado 5 de xullo realizaranse obradoiros lúdico-didácticos para a infancia e as familias e falarase de procesos de transformación de espazos escolares con participación de membros das comunidades educativas involucradas neste asunto e tamén especialistas convidados doutras zonas e que completarán o panorama nacional.
O mosaico romano de Panxón será tamén protagonista destes obradoiros. A comida será compartida (cada participante pode traer a súa propia comida) e as actividades seguirán ao longo da xornada cunha acción colectiva “pirata” para pechar a tarde.
Pola noite, no cole, a nova tripulación da asociación xuvenil ‘Escóitasme?’ organizará unha “noite pirata de cinema” presentando varios curtos para o debate.
O evento pechará o domingo pola mañá. Para máis información consulta: lupo.entre.redes@gmail.com.