Investiranse preto de 100.000 € en renaturalizar 5.000 m2 da parcela superior do patio escolar, eliminando os muros de contención e plataformas e creando a cambio un bosque frondoso con diferentes sendeiros e paradas para o xogo e un aula exterior tipo refuxio
Este traballo de paisaxismo foi deseñado polo arquitecto ideólogo do ‘Sistema Lupo’ a través do programa ‘Mestre de obra’ que o Concello tamén desenvolveu no colexio de Camos, pendente de licitarse as obras
“Foi construído en 1982 cos criterios da época e, desde entón, coma en case todos, o modelo de infraestrutura non se tocou. Pois agora, nestes dous centros públicos vanse poder mesturar a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos das ‘escolas-bosque, o que nos situará na vangarda nacional”, considera o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán fará realidade a transformación do patio do CEIP Carlos Casares (Vilariño) nun auténtico bosque-escola durante este mesmo curso. Así, as obras de renaturalización de case 5.000 m2 de terreo ubicado na cota superior xa foron adxudicadas a ‘Construcciones Enrique C.Casas S.L.’ por importe de 95.856 € e cun prazo de execución de 2 meses. O seguinte centro será o CEIP da Cruz (Camos) onde nas vindeiras semanas sairán a licitación obras dirixidas no mesmo sentido (o Concello consignou 125.000 € a este fin). Ambos traballos de paisaxismo foron deseñados por Fermín Blanco a través do programa ‘Mestre de obra’ que el mesmo viu desenvolvendo nestes centros nos pasados cursos coa colaboración da comunidade educativa.
“A mellora vai a ser espectacular e a infancia de Nigrán será a gran beneficiada, que é o que máis nos enorgullece. Imos ser o gran referente educativo de Galicia en canto a transformación positiva dos patios escolares. Hay que ter en conta que foi construído en 1982 cos criterios da época e, desde entón, coma en case todos, o modelo de infraestrutura non se tocou. Pois agora, nestes dous centros públicos vanse poder mesturar a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos das ‘escolas-bosque, o que nos situará na vangarda nacional”, considera o alcalde, Juan González, quen acolleu con entusiasmo no 2021 a petición do CEIP Carlos Casares neste sentido.
Para este fin o Concello de Nigrán contou con Fermín Blanco, arquitecto recoñecido en toda Galicia polos seus traballos en colexios, encamiñados todos a integrar a natureza e o xogo no propio centro educativo (neste sentido, é moi coñecido por ser o artífice do sistema pedagóxico Lupo). “O proxecto busca crear un bosque totalmente natural empregando unha zona actualmente invadida de acacias sen que se note que hai un traballo de deseño previo detrás, o obxectivo é que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así”, explica Blanco.
Así, as obras abranguen case 5.000 m2 das cotas superiores, buscándose integrar no patio con apariencia natural unha parcela de 2.000 m2 lindeira ao colexio e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación (actualmente está separada físicamente mediante muro e alambrada). Así, a intención é primeiramente erradicar a acacia que invade este zona e, despois, eliminar os muros de contención e as plataformas entre os diferentes niveis para, con grandes movementos de terra, crear un bosque-frondoso en pendente. Este estaría formado por especies que van diminuíndo a súa porte conforman se achegan ao edificio do colexio. Ademáis, disporá de diferentes sendeiros naturais, un deles accesibles, e con paradas de descanso nas que se atopen diferentes xogos, como zona de equilibrios, horta, estanque e refuxio de madeira tipo aula-exterior. Unhas escaleiras permitirán os desprazamentos rápidos entre o bosque. “Trátase de renaturalizar o espazo recuperando os taludes naturais”, sintetiza o arquitecto, quen a través do programa ‘Mestre de obra’ desenvolvido os pasados cursos neste colexio liderou a restauración dunha apisonadora municipal como elemento de xogo do patio, a creación dun hotel de insectos ou un xogo efímero para a primeira infancia con boias da praia.
CEIP da Cruz
A súa intervención en Camos (CEIP da Cruz) consiste en gañar para o recinto 1.200 m2 colindantes da zona Sur que cede altruistamente a Comunidad de Montes da parroquia e ao que se accederá a través dunha gran porta de transición con forma de ‘casiña’ que estará situada xusto nun punto con vistas espectaculares cara o Val Miñor e a súa costa, polo que funcionará tamén como miradoiro. Nesta nova parcela de forma irregular e de gran pendente habilitaranse ramplas accesibles cun percorrido circular e atallos directos entre elas aproveitando a gran presenza de carballos reforestados nos pasados anos e doutras especies autóctonas como silvas e fentos. Este auténtico bosque-patio aberto á experimentación educativa sumará en sucesivas fases equipamentos como poderían ser ‘tipis’, asambleas de troncos, invernadoiros… “É un proxecto único polo propio enclave do colexio. Ata hai pouco, que estivese situado no medio do monte víase como algo negativo, agora esa circunstancia descubrirase como unha oportunidade marabillosa”, considera o rexedor, quen subliña como o colexio se construíu “pechado ao bosque” mentras que agora regresará “ao estado que naturalmente lle corresponde”.
Escolas-Bosque
O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde Pestalozzi a Fröbel, pasando por Rudolf Steiner ou María Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre. Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar neste colexio de Vilariño a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello defendemos este proxecto”, resume González.

