Un total de 7 colexios da comarca competiron esta mañá na sede da empresa en Porto do Molle por acadar o mellor deseño de satélite en tempo récord
O gañador resultou o Ángel de la Guarda de Priegue, identificativo que levará ao espazo o vehículo que UARX lance en xuño de 2026
O Concello de Nigrán celebrou esta mañá a ‘Semana Mundial do Espazo’ colaborando cunha novidosa iniciativa educativa de UARX SPACE no exterior da súa sede. A empresa radicada en Porto do Molle, única en España en proveer servizos de transporte en órbita para pequenos satélites, organizou unha competición entre sete colexios de toda a comarca (os que se inscribiron) por acadar o mellor deseño dun satélite en tempo récord e fabricado só cos materiais achegados pola organización (idénticos para cada centro).
Organizados por equipos de máximo 9 alumnos de entre 13 e 15 anos, os centros educativos Ángel de la Guarda de Nigrán, Santa María de Tui e os vigueses Compañía de María, Montecastelo, Acacias, Santa Irene e Rosalía de Castro traballaron a contrarreloxo durante 3 horas por acadar o mellor artefacto. Entre os aspectos que se valoraban figuraba o traballo en equipo, a orixinalidade, a similitude coa realidade e a presentación ante o xurado (composto polo alcalde de Nigrán, Juan González; Andrés Villa, co-fundador de UARX Space; Daniel Franco, director de innovación de Airbus; Farrah Lisa, subdirectora Xeral de Promoción Industrial; e Ana Mejía, por Zona Franca). Finalmente, o gañador quedou no termo municipal de Nigrán: Colegio Ángel de La Guarda, nome que, como premio, levará inscrito o satélite que en xuño de 2026 lanzará UARX SPACE (será o primeiro vehículo de transferencia satelital español que permitirá aos satélites moverse máis aló do punto no que entran en órbita, significando unha revolución neste campo).
“Estamos moi agradecidos a UARX SPACE por liderar esta iniciativa porque achega ás novas xeracións ás posibilidades de soñar que ofrecen as empresas de Porto do Molle, referentes internacionais en termos de I+D e, polo tanto, referentes tamén para moita xente moza que está xa a a orientar a súa formación ou carreira laboral”, considera o alcalde, Juan González.



