O CONCELLO DE NIGRÁN COLABORA CON ‘BOLOS DA CARRASCA’
NA SEMANA CULTURAL, QUE CONCLÚE COA FESTA DOS OVOS CON CHOURIZO
O venres 9 a partir das 21:30 horas terá lugar a tradicional cita gastronómica nunha Praza da Carrasca preparada para a ocasión e totalmente cuberta de paraugas de cores grazas a Juan Alves e o Queimada
O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural e Deportivo ‘Bolos da Carrasca’ para organizar a súa ‘Semana Cultural’ que arranca mañá 6 de agosto e que ten o seu día grande o venres 9 de agosto coa festa dos ovos con chourizo, evento gastronómico que o goberno local promove para que obteña o distintivo de ‘Interese gastronómico galego’”. Ese día, a partir das 21:30 horas, unha trintena de persoas da entidade estarán a traballar para poder ofrecer 1.500 racións nunha praza da Carrasca decorada grazas á colaboración de Juan Alves e o Queimada co Concello. O evento conta tamén co aopio da Deputación de Pontevedra.
“A festa dos ovos con chourizo é a única festa gastronómica de Nigrán que se mantivo no tempo grazas precisamente a unha entidade cultural e gañando cada vez máis público ata ser unha das máis populares da comarca”, explica o alcalde, Juan González.
A semana cultural arranca hoxe a partir das 21:30 horas co coa ‘Coral Polifónica Vagalume de Santa María de Oia’. O mércores 7 á mesma hora actuará o Grupo de Acordeóns Helios de Bembrive. Xa o xoves 8 de agosto, ‘Día do Neno’, a partir das 17:30 horas, haberá inchables, festa da escuma e algunha sorpresa máis. Finalmente, o venres 9 será a festa dos ‘Ovos con Chourizo’ amenizada polo Dúo Dinamita.
“Desde o Concello transmitimos os nosos parabéns ao Centro Cultural A Carrasca polo seu traballo incansable durante todo o ano que contribúe a dinamizar a vida cultural e social da parroquia”, explica González, quen incide en que o goberno local ven de aprobar unha subvención directa de 30.000 € para facer accesible a súa sede, que dispón do auditorio no terceiro andar ao que, a día de hoxe, só se pode chegar por escaleiras.

