Entre os domingo 2 e 16 de novembro representaranse catro obras de diferentes compañías de Galicia
O Concello de Nigrán volve volve a apostar polo teatro nas fins de semana de novembro. Esta vez o fará da man da compañía local Teatro do Ar, responsable ademais da actividade municipal. Así, en colaboración con FEGATEA, diferentes compañías de teatro amador de toda Galicia pasarán polo Auditorio Municipal os días 2, 8, 9 e 16 de novembro.
O circuíto o abre o domingo 2 de novembro ás 19.00 horas o grupo Pico do Castro (Foz) coa obra ‘Trato a cegas’, unha peza de humor galega escrita polo grupo teatral galeguista ‘Mal de moitos’ en 1921. A obra satiriza as estafas e o engano dos cegos esmoleiros das aldeas e romarías galegas da época.
O ciclo continúa o sábado 8 de novembro ás 20.00 horas co grupo ‘Teatro de Cámara Dítea’ (Santiago de Compostela) representando a comedia ‘Un mal día teno calquera’, que comeza cando Paco e Cristina, a pesar da súa mala situación económica, convidan aos seus amigos a unha cea de Nadal na súa casa, pero, á súa chegada, Natalia anuncia que o seu marido, Patricio, sufriu un accidente aéreo e nada se sabe del .
O domingo 9 de novembro ás 19.00 horas chegará a Nigrán o grupo Troate Laboratorio (Coruxo) coa súa farsa ‘Feituras’, composta por tres obras: ‘Acto sen palabras’ , de Samuel Beckett (Premio Nobel); ‘Estudio en branco e negro’, de Virgilio Piñera (incluído en ‘Antología de Teatro Breve’) e ‘Galimatías Dramático’, de VOLTAIRE (non é casual. O Século das Luces, a Ilustración, o enciclopedismo, os Dereitos Humanos).
Por último, o 16 de novembro pechará o circuíto de teatro o grupo ‘Atrezo Teatro’ (O Porriño) ás 19.00 horas coa obra ‘Silencio’, que xira ao redor da seguinte cuestión: “Se cada vez que queremos sair das normas, do que dicta a moral, se nos ordena silencio. Se os que supostamente teñen que coidarnos, protexernos nos fan trampas e ordenan silencio. Se facemos caso e calamos so quedará o silencio… Rompamos o silencio”.



