O primeiro concerto terá lugar na Praza da Biblioteca e o segundo na Praza do Concello, ambos ás 12:30 horas
O Concello de Nigrán continúa este xoves 1 de maio e domingo 4 de maio coa proposta cultural ‘Vermú de barrio’ para gozar da mellor música en directo ao aire libre e en horario familiar (12:30 horas) sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan (en caso de choiva adiaranse a outra data). Así, na primeira das devanditas citas Awen será o grupo protagonista na Praza da Biblioteca e, na segunda, Groovin Folks na Praza do Concello. O ciclo continúa o 11 de maio con Three Roosters diante do mural de Lula Goce na Ramallosa e, finalmente, San Rockers o día 25 de maio na rúa Damas Apostólicas). A iniciativa do Concello de Nigrán conta con parte da financiación a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra.
AWEN, XOVES 1 DE MAIO NA PRAZA DA BIBLIOTECA
Awen é un dueto a dúas voces e guitarra de versións de rock desde os 70 ata hoxe. O repertorio abarca versións en inglés, castelán, francés e galego de bandas como Janis Joplin, Depeche Mode, M-Clan, Zaz, Aretha Franklin, Amy Winehouse ou John Denver entre moitos outros e o seu principal punto forte son as coidadas harmonías vocais e a gran forza en escena.
GROOVIN FOLKS, DOMINGO 4 DE MAIO NA PRAZA DO CONCELLO
Groovin Folks é un trío formado por órgano Hammond, guitarra e batería. Interpretan temas de funk, soul e disco dos anos 60, 70 e 80. As súas interpretacións son pura enerxía e emoción.
THREE ROOSTERS, DOMINGO 11 DE MAIO NA RÚA ARGONAUTAS
(MURAL DE LULA GOCE NA RAMALLOSA)
Grupo de Rock, Blues Folk & Country en formato electroacústico con temas propios e versións. Naceu en plena pandemia e conta con Berto Misa á guitarra, Bruno Figueiras á voz e Fran Sánchez ao baixo.
SAN ROCKERS, DOMINGO 25 DE MAIO NA RAMALLOSA
(RÚA DAMAS APOSTÓLICAS)
Grupo de catro músicos nacido na parroquia de Camos hai xa case 10 anos que conta con temas propios e que versiona temas de pop e rock dándolle unha interpretación moi particular, neste apartado poden aparecer animadas cancións case irrecoñecibles de Raphael ou Hombres G que fan levantar ao público.

