O Concello aprobou o proxecto e levará a consignación do investimento de 241.000 € ao pleno do mes de xuño
“Levamos anos de xestións porque implicaba autorizacións da Xunta ecesións de veciños, polo que costou chegar a un acordo entre eles, pero finalmente dará servizo a todas as vivendas desta rúa”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán dotará de saneamento e abastecemento o camiño da Pousa, no barrio de Con da parroquia de Parada, tal e como viñan demandado os veciños desta zona, onde residen 16 familias. Tras aprobar xa o proxecto, o Concello investirá un total de 241.000 € que quedarán consignados no pleno ordinario do mes de xuño.
“Levamos anos de xestións porque implicaba autorizacións da Xunta e cesións de veciños, polo que costou chegar a un acordo entre eles, pero finalmente dará servizo a todas as vivendas desta rúa”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que parte da superfie é sólo rústico con protección das augas, polo que tamén fixo falta unha autorización especial de Augas de Galicia que se demorou máis do previsto.
A actuación vai desde a rúa do Castelo (PO-332) co Camiño da Pousa ata o cruce con Camiño de Valverde número 7, o que implica unha canalización de 500 metros de lonxitude en trazados rectos con pozos de rexistro que discorrerán por chan público e privado. As obras inclúen o fresado e demolición do pavimento existente, apertura de gabias, execución de arquetas de conexión, tubaxes, movemento de terras e escavación, asi como reposición de firmes e pavimentos.

