A iniciativa, única en toda a comarca, estreouse en xaneiro de 2021 con 10 beneficiarios, engadíronse outras 10 prazas sen rexistrarse prácticamente renuncias e agora subirá ata as 40
As persoas beneficiarias reciben no seu fogar un día a semana o menú completo para cada un dos 7 días por un prezo de 60 € ao mes, sendo Nigrán o único concello do Val Miñor en contar con este programa
“Se no reparto semanal o profesional do reparto detecta que á persoa beneficiaria está sufrindo algún problema o pon en coñecemento dos Servizos Socias para que poida intervir, así que tamén hai que destacar este aspecto de control”, explica González
O Concello de Nigrán duplicará este ano as prazas do programa ‘Xanta na Casa’ ata chegar ás 40 persoas dependentes beneficiarias deste programa de reparto de menús a domicilio. Deste xeito, o Concello xa ten o visto bo do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para volver a duplicar o número de usuarios, o que permitirá pasar dos 20 actuais a 40 en só tres anos operativo en Nigrán, sendo o único municipio do Val Miñor en contar co servizo.
“Está funcionando moi ben, cos usuarios moi afianzados ao programa, non houbo practicamente renuncias porque garante ás persoas dependentes e que viven soas unha alimentación saudable e unha maior autonomía”, explica o alcalde, Juan González, quen encadra esta iniciativa no programa de goberno municipal ‘Un Nigrán para todos’. “Hai que destacar que facilita tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor, quen avanza que pedirá ampliar o convenio “ás veces que faga falla con tal de non deixar a ningún beneficiario fora”, sendo o perfil fundamentalmente xente maior e tamén algunha persoa moza con problemas de mobilidade.
‘Xantar na Casa’ consiste en que un día á semana o usuario recibe no seu propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre), tendo un custe simbólico para o beneficiario de 60 € (Concello e Xunta subvencionan o resto). “Se no reparto semanal o profesional do reparto detecta que á persoa beneficiaria está sufrindo algún problema o pon en coñecemento dos Servizos Socias para que poida intervir, así que tamén hai que destacar este aspecto de control”, explica González. Así, ‘Xantar na Casa’ está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social e é complementario con outros servizos como o de ‘Axuda a domicilio’. Ademais, ao comezo compróbase que dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque, no caso de carecer deles, póñense a súa disposición en réxime de depósito.
“Moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e porse despois a cociñar e, ademais, desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares, este programa está a demostrar que é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.
Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .
Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

