O Concello de Nigrán entra a formar parte do proxecto europeo ‘stolpersteine’ recordando a Jaime Martínez Pereira, veciño de Panxón asasinado en Mauthausen

adminON
Lectura mínima de 8

O CONCELLO DE NIGRÁN ENTRA A FORMAR PARTE DO PROXECTO EUROPEO ‘STOLPERSTEIN’ RECORDANDO A JAIME MARTÍNEZ PEREIRA, VECIÑO DE PANXÓN ASASINADO EN MAUTHAUSEN

Un cubículo fabricado polo artista alemán Gunter Demning o recorda desde hoxe no lugar onde se atopaba o seu domicilio familiar. Este domingo cúmprense 83 anos da súa morte. Trátase da única vítima do Val Miñor que se ten constancia que morreu nun campo de concentración nazi

O Concello xa lle adicara un monumento no 2017 e agora entra a formar parte desta iniciativa artística nacida en 1992 e que recorda nos seus precisos lugares de orixe a máis de 75.000 vítimas de toda Europa

Desde o Concello de Nigrán mantemos un compromiso evidente coa recuperación da memoria histórica, polo que solicitamos entrar a formar parte deste proxecto europeo para, precisamente, non esquecer a barbarie”, explica o alcalde, Juan González

 O Concello de Nigrán dispón desde hoxe dun ‘stolpersteine’ para que a veciñanza tropece ao camiñar coa Historia máis vergoñenta da Europa moderna. Unha ‘obstáculo no chan’ (significado en alemán) fabricado artesanalmente polo artista xermano Gunter Demning recorda na contorna da que foi a súa casa a Jaime Martínez Pereira, veciño de Gaifar (Panxón) asasinado en 1941 en Gusen (subcampo vinculado a Mauthausen). Este domingo 29 de decembro cúmprense 83 anos da súa morte e é a única víctima do Val Miñor que se ten constancia de que faleceu nun campo de concentración nazi. O Concello de Nigrán xa lle adicara unha placa no 2017 e agora entra a formar parte do maior monumento descentralizado do mundo, os ‘stolpersteine’, cubículos de 10 centímetros cadrados co pé de formigón e a base de bronce fabricados artesanalmente por Gunter Demning e que se sitúan nas casas de orixe das vítimas cos seus datos persoais. Creado no ano 1992, actualmente hai máis de 72.000 repartidos por máis de 20 países de toda Europa.

“Desde o Concello de Nigrán mantemos un compromiso evidente coa recuperación da memoria histórica, polo que solicitamos entrar a formar parte deste proxecto europeo para, precisamente, non esquecer a barbarie”, explicou o alcalde e historiador, Juan González, durante a colocación este mediodía, acto ao que acudiu unha representación da Asociación de Veciños de Panxón e a súa sobriña Elvira Farias, única familiar direta que se lle coñece. Como todos os ‘stolpersteine’, esta ‘pedra da memoria’ ubicada na rúa Gaifar sintetiza o periplo vital de Jaime:

AQUÍ VIVIU JAIME MARTÍNEZ PEREIRA

NACIDO 1917 – EXILIADO FRANCIA – INTERNADO 1940 ESTRASBURGO- DEPORTADO 1940 MAUTHAUSEN – ASASINADO 29.12.1941 GUSEN

Jaime Martínez Pereira nace o 30 de abril de 1917 no barrio de Gaifar. Fillo de Florencio e Josefa, son os seus avós paternos Clemente e Peregrina, e os maternos Manuel e Elvira. Consultados pola memorialista María Torres os padróns de habitantes dos anos 1930, 1930 e 1935, figura inscrito no correspondente a 1920, coa idade de dous anos, residindo na Rúa Gaifar núm. 9 de Panxón (hoxe corresponderíase co número 15) xunto aos seus pais e un irmán menor, Jesús, quen en 1938 contribúe cunha peseta ao chamamento da Junta Local de Auxilio de poboacións liberadas realizado polas autoridades franquistas “con destino a mitigar las más apremiantes necesidades de nuestros hermanos que en la zona dominada por el marxismo sufrieron privaciones y vejámenes”.

Grazas a María Torres, sabemos que no Expediente de Quintas consta na relación de mozos aos que lles corresponde alistarse na substitución de 1938 en Mariña pero non se chega a incorporar, constando na prensa a detención por prófugo de Florencio Martínez López, de 42 anos, pai do “soldado desertor Jaime Martínez Pereira”. A última familiar directa de Jaime, Elvira Farias, explicou no recoñecemento realizado polo Concello en 2017 que pensaban que Jaime morrera durante a Guerra Civil, relatando que “eran sete irmáns e todos morreron moi novos; un deles, queimado aos 3 aniños”

Os documentos conservados en ITS Arquives, Bad Arolsen, informan do seu confinamento no Stalag VD Estrasburgo, situado na cidade francesa do mesmo nome anexionada como capital de Alsacia ao Terceiro Reich en xuño de 1940, onde queda rexistrado co número 3072. O 11 de decembro de 1940 sobe a un tren en Estrasburgo con outros 846 prisioneiros con destino a Mauthausen, campo ao que chega dous días despois. Á súa chegada é rexistrado como pescador de profesión e número de matrícula 5120. Catro meses máis tarde, o 8 de abril de 1941 é transferido ao Block 20 (matrícula 11886) de Gusen (campo de concentración ao este da cidade austríaca de Linz e dependente directamente de Mauthausen). Perece o 29 de decembro de 1941 no block 20 por mor dunha “pneumonía”. Un día despois procédese á cremación do seu corpo. O certificado de defunción expedido polas autoridades de Mauthausen ten data do 2 de decembro de 1942.

“Galegos en Mauthausen”

O historiador Enrique Barreira Bieitia é autor do libro que inspirou a exposición “Galegos en Mauthausen” e que leva o mesmo título. Barreira documentouse recurrindo directamente aos arquivos de Mauthausen, nos que os nazis apuntaban o lugar e data de nacemento de cada recluso e lles asignaban un número de identificación. Froito do seu traballo é posible coñecer o destino do nigranés Jaime Martínez Pereira. El é o único veciño da comarca do Val Miñor que figura nestes documentos. “Ata ese intre non se tiña constancia de ningún nigranés vítima do holocausto, así que é de xustiza que o Concello recorde ao seu veciño Jaime Martínez Pereira e, a través del, a tódalas vítimas desa barbarie. Temos un compromiso coa recuperación da memoria histórica, é importante divulgar este episodio tan triste para que nunca se repita algo semellante”, sinalaba no 2017 o alcalde de Nigrán, cando se coñeceu este feito.

Nos campos de concentración (“stalag”) houbo 8.500 españois (300 deles galegos) e o 95% deles concentrouse en Mathausen. Case todos eles se alistaron no exército francés asinando un contrato “ata que a guerra remate”. En 1940, co pacto de colaboración do Mariscal Petain con Hitler e xa presidiarios, perderon a protección do estado francés e o goberno de Franco negouse a facerse cargo deles, polo que Alemaña decidiu destinados a Mathaussen tras ser declarados previamente apátridas (feito que Franco aceptou de bo grado). Case todos eles morreron no stalag antes do inverno de 1941/42, como é o caso de Jaime Martínez Pereira.

Comparte este artigo