O Concello de Nigrán establece desde hoxe e ata o 15 de setembro o sentido único descendente na rúa Bouzavella

adminON
Lectura mínima de 5

A bidireccionalidade mantense entre Estrada pola Vía e Camiño do Cocho e queda en sentido único (descendente) desde este punto ata Tomás Mirambell

O Concello de Nigrán realizou en novembro unha consulta popular entre os residentes deste barrio na que gañou por 5 votos a opción de deixar a rúa igual, con dobre sentido

“Penso que esta disposición de reordenar o tráfico só durante o verán pode contentar á gran maioría, as dúas partes ceden en algo polo interese común, porque realmente é durante esta época do ano cando se producen os problemas”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán establece desde hoxe e ata o 15 de setembro o sentido único descendente na rúa Bouzavella (Panxón) para ver se é factible realizar este cambio en cada tempada estival. Deste xeito, e segundo recomenda o informe da Policía Local solicitado pola Alcaldía, mantense neste periodo a bidireccionalidade entre Estrada pola Vía e Camiño do Cocho ao ser un tramo suficientemente amplo para a circulación e queda en sentido único (descendente) desde este punto ata Tomás Mirambel. A sinalización xa foi mudada acorde a esta nova disposición e durante todo o día un axente estará presente no cruce para informar aos condutores que se vexan sorprendidos pola novidade.

A estreiteza da rúa Bouzavella, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos se poidan cruzar simultáneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que a atravesan para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro, xerando, en consecuencia, retencións.

Ante esta realidade, o Concello de Nigrán, tras anos de división entre os propios residentes e de protestas, realizou o pasado novembro unha consulta popular pioneira na política local galega para decidir se establecer o único sentido ou deixala bidireccional, opción última que gañou por 5 votos de diferencia (29 votos fronte a 24, cun índice de participación dun 85,7% nun referendum realizado só entre os maiores de idade empadroados nesta rúa). “Naquel momento xa dixen que tomaba nota do resultado, porque practicamente a metade dos veciños votou unha cousa e a outra metade outra, a diferencia foi mínima, polo que penso que esta disposición de reordenar o tráfico só durante o verán pode contentar á gran maioría, as dúas partes ceden en algo polo interese común, porque realmente é durante esta época do ano cando se producen os problemas ao multiplicarse a circulación”, explica o alcalde, Juan González, en referencia aos centos de coches que elixen este atallo para evitar o rodeo por Panxón e acceder por aquí a Patos, Madorra ou Monteferro.

González insiste en que o que sempre evitou foi “tomar unha decisión unilateral sen o consenso da veciñanza”. “Non fun nunca partidario de impoñer unha solución habendo dous bandos veciñais opostos e cada un deles coas súas razóns lóxicamente argumentadas. Antes da consulta a propia veciñanza da zona nos decía que o sentir unánime era para un lado ou outro, e comprobamos que non era así, de feito gañaron os que querían deixala igual para evitar o gran rodeo de ir ata Panxón cada día para acceder a súa casa”, considera. “Veremos como funciona esta reordenación transitoria e en setembro falaremos cos veciños para ver se, despois de probala, o sentir maioritario é establecer o único sentido cada verán. Como xa demostramos coa consulta popular, o Concello non quere impor ningún criterio, o que desexamos é dar cunha solución definitiva que contente aos residentes e que poña fin á gran división entre eles mesmos”, zanxa o alcalde.

Comparte este artigo