O concello de Nigrán estrea cos escolares de Camos e CHandebrito un programa pioneiro para introducir shiitakes e carballos no futuro parque forestal

adminON
Lectura mínima de 7

Alumnado do CEIP da Cruz e Colegio Estudio aprenden a inocular tocóns de eucalipto e a plantar landras para despois trasladar o resultado ao corazón do parque forestal municipal, na intersección das dúas parroquias

“Trátase de vincular afectivamente á rapazada coa súa contorna ao tempo que adquiren valores e coñecementos moi necesarios”, explica o alcalde, Juan González

O proxecto do Concello sitúase en 420.000 m² calcinados nos incendios de Camos e Chandebrito e inclúe a eliminación de toda a especie invasora para recuperar o bosque autóctono, preservar a fraga do río Táboas e por en valor e os seus elementos etnográficos

As crianzas de Camos e Chandebrito serán protagonistas no desenvolvemento do corazón do parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’. Con este obxectivo, o Concello de Nigrán iniciou hoxe, a través da súa brigada mediombiental e do programa de hortas escolares municipais contratado a ‘Somos Terra’, unha iniciativa escolar pioneira que involucra ao alumnado de 5 de Primaria do CEIP da Cruz e Colegio Estudio (os dous únicos centros situados nas parroquias que abrangue este terreo). Concretamente, sementarán landras para fornecelo de carballos e experimentarán a inoculación de shiitakes en eucaliptos. Os resultados serán trasladados a 1.000 m² situados ao carón dun miradoiro na intersección con Chandebrito no que, precisamente, o mes que ven o Concello plantará 700 árbores autóctonas adquiridas por importe de 8.000 € (sobreiras, abeleiras, bidueiros, carballos e castiñeiros).

“Trátase de vincular afectivamente á rapazada coa súa contorna ao tempo que adquiren valores e coñecementos moi necesarios. Eles son o verdadeiro futuro do parque, os que velarán polo seu benestar e o defenderán cando os adultos de hoxe xa nos esteamos aquí e os que o gozarán no seu máximo esplendor”, explica o alcalde, Juan González.

A iniciativa do Concello, que se desenvolverá durante todo o ano, comezou hoxe en ambos colexios sementando 40 landras procedentes do Aloia en macetas de tetrabriks. A propia brigada forestal asesorou á rapazada directamente con estes traballos e, durante o curso, ‘Somos Terra’ lles ensinará a coidalos para, en xullo, trasladalos ao viveiro do parque forestal, que se ubicará moi preto do ‘Bosque da Memoria’, en Chandebrito. “O obxectivo é manter sempre un viveiro para o parque para empregar plantas pequenas en zonas de pendente ou moi pedregosas, onde non se poden plantar árbores xa de gran porte”, explica Carla Pérez, exeñeira forestal xefa da Brigada. A maiores, o alumnado aprendeu tamén a inocular troncos de eucaliptos para que produzan shiitakes, de momento o fixeron en troncos que se quedarán no colexio pero o fin é que poidan empregar eses coñecementos para, a partir de febreiro, inocular directamente sobre os tocóns de eucaliptos do parque forestal. “Esa é a novidade coa que se está a experimentar, o de facelo directamente sobre os eucalitos cortados porque, ademáis de producir setas, mataría completamente esta especie invasora que queremos erradicar”, explica Carla, quen avanza que o resultado será avaliable nos meses de setembro e outubro, cando se aprecie a produción.

Parque Forestal

Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubícase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total do Concello será de 400.000 € e os traballos os leva adiante a súa propia Brigada Medioambiental baixo a dirección técnica de ‘Landra’.

“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González.

O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Comparte este artigo