O festival miudo de Nigrán regresa ao esteiro de A Foz coa presenza de 9 compañías de diferentes puntos do país e unha gala final de ‘Pallasos sen fronteiras’ adicada, máis que nunca, a infancia de Gaza
A igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor volven a ser os protagonistas deste festival que mestura espectáculos de clown, circenses, maxia ou malabares
“Este é o evento máis agardado pola cativada de Nigrán e as súas familias, a risa sempre está garantida e o compromiso con Gaza na gala final non só se mantén se non que o reforzamos”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán réndese do luns 4 de agosto ao xoves 7 ao máximo disfrute das crianzas grazas ao ‘Parrulas Fest’, o festival máis agardado pola infancia e familias de toda a comarca e que ten lugar de xeito gratuíto no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz. Nesta sexta edición, a cita contará con 9 das mellores compañías de artes escénicas de todo o país (desde clown, a circo, humor, maxia, malabares, música e outras disciplinas), e rematará cunha gala solidaria a prol de Gaza (Palestina) organizada por ‘Pallasos sen fronteiras’ e dirixida por Peter Punk, nome artístico do nigranés Isaac Rodríguez, cabeza máis visible do festival. Como xa é habitual, haberá sesións matinais adicadas á primeira infancia (martes e mércores ás 12:00 horas) e o resto das actuacións serán, coma sempre, ás 19:30 e 20:30 respectivamente. Toda a programación pode consultarse na web do Concello de Nigrán www.nigran.es. O Parrulas Fest está organizado desde o Concello de Nigrán a través da Cooperativa Galega de Artistas Charlatana e conta con financiación da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
“Este é o evento máis agardado pola cativada de Nigrán e as súas familias, a risa sempre está garantida e o compromiso con Gaza na gala final non só se mantén se non que o reforzamos”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que se trata dunha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán, xa que “cada ano reúne a centos de familias moi fieis que veñen a desfrutar nunha contorna marabillosa de espectáculos de calidade e sempre moi divertidos”.
O festival arranca o luns 4 coa Maga Fani (Galicia) presentando ‘Trasnadas moi serias’ e despois co clown Antuán de la Cream (Andalucía). O martes continúa ás 12:00 horas cunha sesión para a primeira infancia a cargo de Sonsoles Penadique (Galicia) co espectáculo musical ‘O chintófano de Dorothé’ e pola tarde con Cía Sintriz ofrecendo ‘Lila Star’, número de circo, funky e humor; e de segundo o irreverente pallaso e artista circense Peter Punk achegando ‘Con lingua propia’. O mércores ás 12:00 regresa de novo o espazo para a primeira infancia con Os Jalochos (Galicia) cantando, bailando e contando a historia de ‘A landra viaxeira e o amigo lambón’; dando paso xa pola tarde ao showman e malabarista Javi Javichi (Madrid) con ‘Veló como el rayo’ e, despois, Sempre Arriba (Galicia) co espectáculo clown e de acrobacias aéreas ‘Hoxe si!’ . O Parrulas Fest remata o xoves con John Jackson&Jack Johnson (Galicia) presentando o xogo de malabares, música, maxia e surrealismo ‘A cápsula do tempo’ e, de broche final, a gala solidaria de Pallasos sen Fronteiras a favor da infancia de Gaza dirixida polo anfitrión Peter Punk e que conta coa presenza de diversos artistas (todo o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ irá directamente a este fin). Agás ás sesións matinais de primeira infancia, o resto son ás 19:30 e 20:30 respectivamente e todas no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz.
“Presentamos sempre unha programación moi variada e coidada na que, como sempre buscamos, destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega. Neste ano, ademais, centrámonos de xeito especial coa infancia de Gaza na gala solidaria, como non podería ser doutra maneria”, resume Isaac Rodríguez, ‘Peter Punk’.