Os traballos, adxudicados a Impervelper por 218.649 €, contan cunha subvención de 132.730 € e suporán unha reforma integral do edificio sen afectar a súa superficie e volume
“Por fin o alumnado vai ter un local definitivo, céntrico e perfectamente habilitado, porque ao longo dos anos tiveron que ir rotando por diferentes espazos municipais”, explica o alcalde, Juan González
A maiores, o Concello desenvolverá neste lugar actividades artísticas destinadas a integración de persoas con diversidade funcional
O Concello de Nigrán iniciou as obras de rehabilitación do faro de Canido (Nigrán), adxudicadas a Impervelper por importe de 218.649 € dos que a Unión Europea achega 132.730 € a través dos fondos Next Generation de axudas a entidades locais para a rehabilitación de edificios públicos de titularidade local (Pirep Local), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O investimento, despois de décadas de abandono, permitirá unha reforma integral deste edificio sen afectar a súa superficie e volume co obxectivo de destinado a sede da Escola Municipal de Pintura e Gravado, así como dispor dun espazo para proxectos de integración a través da arte.
“Por fin o alumnado de Pintura e Gravado vai ter un local definitivo, céntrico e perfectamente habilitado, porque ao longo dos anos tiveron que ir rotando por diferentes espazos municipais”, explica o alcalde, Juan González, sobre estas dúas actividades do Concello ás que asisten preto de 80 persoas. Ao mesmo tempo, o lugar empregarase para poder desenvolver actividades artísticas destinadas a persoas con diversidade funcional.
O edificio, ubicado na linde entre Panxón e Nigrán, quedou durante décadas nun limbo urbanístico ata a modificación das normas subsidiarias no ano 2020. O obxectivo do goberno local é reformar toda a planta baixa sen afectar á estrutura troncocónica do faro en si mesmo, que segue en activo cumprindo a súa función.
“Levaba anos en situación de abandono e ofrece unha imaxe degradada nunha contorna especialmente turística”, explica o alcalde, Juan González. “Cando a súa situación se desbloqueou no ano 2020 encargamos o proxecto e realmente foi moi complexa a tramitación porque requeríu de moitas autorizacións sectoriais que se demoraron máis do previsto ao incluír o edificio un faro en activo”, engade.
O proxecto do arquitecto nigranés Severo Fernández contempla crear no seu interior (162,75 m2 de superficie) un espazo amplo, perfectamente illado e iluminado, con dous baños adaptados (actualmente non dispoñen das dimensións mínimas), un almacén inmediato e un cuarto de instalacións (esta división é practicamente idéntica á actual). Co obxectivo de proporcionar o máximo benestar aos seus usuarios, a planta será illada con material de alta eficiencia en todo o seu perímetro, fachadas, teito e chan. A maiores, melloraranse os acabados exteriores e se substituirá toda a carpintería, limpándose ademais as fachadas de pedra, polo que o edificio deixará de presentar as pintadas e graffitis que actualmente o afean. Con estas obras que inclúen nova iluminación e instalación eléctrica ou climatización mediante aerotermia, a redución do consumo enerxético será dun 75%.

