Toman o relevo de Martín Rey, quen xa cumpríu a maioría de idade
“Desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de contar cunha mocidade comprometida e participativa que nos permite construír un municipio de verdade amigo da infancia”, sinala o alcalde.
Cayetana Guede (IES Val Miñor) e Carmen Vázquez (CEIP Humberto Juanes) recollen o testemuño de Martín Rey e serán os voceiros da infancia e da mocidade de Nigrán en toda Galicia. Ambas rapazas representarán ao Concello de Nigrán no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), un espazo de diálogo e consulta que depende da Xunta de Galicia. Cayetana e Carmen dan o relevo ao seu compañeiro Martín (xa na Universidade e procedente do IES Val Miñor) quen participou activamente dous anos pero que xa cumpríu a maioría de idade, tope para seguir neste órgano que busca dar voz ás nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia facilitando unha contorna no que poidan expresar as súas opinións, propor ideas e participar na construción das políticas públicas que lles afectan.
O CAIA está formado por trinta mozas e mozos de municipios que contan con estruturas de participación (no caso de Nigrán, o órgano municipal de participación infantil e xuvenil nomeado como ”Xeración Xa!’) así como representantes de entidades que traballan coa infancia e profesionais do sistema galego de protección. Na última sesión do Consello, as novas integrantes tiveron a oportunidade de coñecer e dialogar co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e coa subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Belia Méndez, quen presentaron iniciativas para potenciar a participación xuvenil tamén no ámbito deportivo.
O Concello de Nigrán foi recoñecido o ano pasado por Unicef como ‘Ciudad Amiga de la Infancia’ tras anos de intenso traballo, esto implica ter en conta dunha forma efectiva e medible as voces, necesidades e prioridades das crianzas a través das decisións políticas. “Desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de contar cunha mocidade comprometida e participativa que nos permite construír un municipio de verdade amigo da infancia. Sabemos que Cayetana e Carmen o farán estupéndamente e desexámoselle unha etapa chea de aprendizaxes e experiencias enriquecedoras nesta nova responsabilidade que asumen con tanta valentía”, sinala o alcalde, Juan González.

