O vindeiro 24 de maio Salvaterra de Miño celebra os mil anos de historia da vila cun Mercado Milenario onde case unha vintena de postos ambientados na época medieval participarán na celebración. O mercado ubicado no recinto amurallado de Salvaterra poderá visitarse dende as 10:00 horas e ata as 15:00 horas.
Os postos formados por artesáns, comercios e asociacións contará con produtos de madeira, xoguetes, bisutería, segunda man, libros, comida, bebida e outras actividades para @s nen@s, entre outros produtos e servizos.
Durante todo a mañá Salvaterra Milenaria contará tamén con diferentes actividades para @s máis pequen@s e para toda a familia. Pola mañá de 10:00 a 12:00 horas haberá xogos populares e tradicionais como zoca, os zancos, o burro, as pontes, a chave de ferrolterra ou a chave ourensá. Estes xogos, coa estética tradicional e medieval, son interxeracionais, o que permiten o libre xogo e desfrute entre maiores e pequen@s.
Xa ás 12:00 horas diante da Casa do Conde teremos un espectáculo de danza a cargo de Raquel Ferradás a través do circuito +Escénicas da Deputación de Pontevedra. Ademais Raquel Ferradás impartirá un obradoiro familiar de danza para nen@s e adultos na Casa do Conde ás 13:00 horas. As prazas son limitadas e é preciso apuntarse no correo comunicacion@concellodesalvaterra.org indicando os nomes, idades e número de teléfono.
As actividades continúan ás 12:30 horas cun gran xogo de desfrute en familia no que se coñecen e descubren curiosidades e misterios sobre a terra salvaterrense “Salvaterra Milenaria. Entre murallas e misterios”, probas que permiten ós xogadores indagar libremente polo recinto da muralla namentres superan os diferentes retos.