O Concello de Nigrán ofrece de aquí ao mes de abril unha decena de roteiroos guiados polo municipio e excursións culturais fora

adminON
Lectura mínima de 3

Retoma os paseos guiados por lugares de interés do municipio, a ruta literaria ‘A praia dos afogados’, as grandes andainas por Aldeas do Xisto (Portugal) e Camiño de Ferro (Salamanca) e unha excursión ao Pazo Mariñán, Sada e Betanzos

O Concello de Nigrán súmase hoxe á conmemoración do ‘Día Internacional do Guía Turístico’ coa publicación das vindeiras dez iniciativas ao respecto de aquí ao mes de abril. Así, a primeira delas será este sábado 24 de febreiro baixo a temática ‘Roteiro dos Pazos’ (inicio 10:00 horas desde a Casa do Concello), unha saída encadrada no programa de paseos saudabeis iniciado no 2022 polo Concello e que consiste en camiñatas guiadas de dificultade baixa por lugares do municipio cun especial atractivo cultural ou natural. Os interesados deben inscribirse a través do mail oficinaturismo@nigran.org Estes paseos seguirán os sábados 2 e 3 de marzo e 13 e 27 de abril (informarase previamente de cadansúa temática e abrirase un prazo de inscrición a través do mesmo correo). Igualmente, o Concello festexará o ‘Día do Libro’ o 23 de abril co xa coñecido roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, baseado nas localizacións en Nigrán da famosa novela negra de Domingo Villar.

Igualmente, ante o éxito das edicións anteirores, repetiranse as andainas de maior dificultade destinadas a persoas en perfecto estado de forma física. Así, o sábado 6 de abril organízase un novo roteiro de 6 km polas aldeas do Xisto, no centro de Portugal, na serra da Lousa, un dos enclaves máis turísticos e singulares do país luso. Igualmente, o Concello repetirá entre o 15 e 16 de marzo a andaina polo ‘Camiño do Ferro’ de Salamanca, un percorrido de 17 quilómetros e aproximadamente 5 horas de duración que transcorre por un tramo de liña férrea pechada ao tráfico e acondicionada para o sendeirismo, atravesando diferentes túneles e pontes, para apreciar esta obra da enxeñería do século XIX.

Igualmente, o Concello ofrecerá unha excursión o 20 de abril ao Pazo Mariñán (Bergondo) e ás localidades de Sada e Betanzos, todas na provincia de A Coruña e con gran interese patrimonial e paisaxístico.

Para todas estas actividades establecerase 10 días antes un periodo de inscrición do que se informará previamente. Para resolver dúbidas ou máis cuestións: oficinaturismo@nigran.org / 699 859 418

Comparte este artigo