Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, referentes do novo teatro galego, protagonizan esta sátira utópica inspirada na loita das camareiras de piso polos seus dereitos laborais
O Concello de Nigrán ofrece este domingo 27 de abril ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o premiadísimo espectáculo satírico ‘As que Limpan’, da compañía viguesa ‘A Panadaría’. A entrada é de balde ata completar o aforo e a función se encadra no circuíto ‘+Escénicas’ da Deputación de Pontevedra.
O nome da compañía fai referencia a un oficio artesán que propociona alimento con elementos básicos. Por iso, o seu teatro pon no centro da proposta ás súas actrices creadoras: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, referentes indiscutibles da nova fornada do teatro galego. Elas dan vida a ‘As que limpan’, unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa 500 ao mes. Cartel pendurado no manubrio da porta: ‘Por favor, arranxe o cuarto’. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son as que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador.

