O Concello de Nigrán ofrece este sábado o monólogo de Paula Carballeira “Os contos que elas me contaron”

adminON
Lectura mínima de 3

O espectáculo encádrase na programación especial do Concello de Nigrán polo 25-N, Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero.

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 23 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o monólogo “Os contos que elas me contaron”, a cargo de Paula Carballeira, escritora, actriz profesional de teatro e da narración oral desde hai mais de vinte anos. O espectáculo encádrase na programación específica que o Concello de Nigrán ten deseñado polo 25-N, Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero. A entrada é de balde ata completar aforo. Carballeira reflexiona neste monólogo sobre as vivencias da súa infancia e a súa profesión. “Cando era nena non me contaron moitos contos, pero despertaron en min pequenas intrigas que me fixeron buscar historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que coñecía ou que descoñecía, na vida pola que camiñaba, case correndo…” .

A maiores, o Concello está a desenvolver actividades como o obradoiro de canto destinado a mulleres “Con voz propia”, actividade que mestura as estratexias propias do ensino convencional do canto cun enfoque músico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional e o apoderamento das mulleres. Asimesmo, ata o 25 de novembro terán lugar nos centros educativos as charlas teatralizadas ‘A violencia de xénero nos videoxogos’, unha experiencia de ficción interactiva apoiada en actores que desenvolverán tres sketches. Cada un deles escenificará situacións relacionadas cos videoxogos. Unha presentadora/facilitadora incentivará o debate e interpelará ao alumnado/público sobre aspectos relacionados coa posta en escena sen obviar aqueles outros que poideran ser suxeridos. Tamén nos centros educativos de Nigrán, do 18 ata mañá 22 de novembro, o Concello está a ofrecer o contacontos “Somos iguais. Contos pola igualdade”, a cargo de Raquel Queizás. Narraranse historias que rompen cos estereotipos que abundan nos contos, identificaranse situacións ás que as crianzas se enfrontan día a día e onde a violencia ou a agresividade fisíca e verbal pode ter solución grazas á palabra.

Dentro da programación municipal polo 25-N xa tivo lugar a proxección da película ‘O Corno’ o sábado 9 ou a actuación de Matrioshka Teatro o día 16.

Comparte este artigo