Tras 5 anos operando Lugove, a Xunta comunicou que rescindirá o contrato de mutuo acordo para volver a sacalo a concurso con melloras
O Concello de Nigrán demanda máis frecuencias Nigrán-Vigo, maiores conexións co Álvaro Cunqueiro, obrigatoriedade de implantar reforzos cando un autobús estea cheo ou un sistema de xeolocalización
“Agardamos que tamén asuman o Nigranbús de xeito directo e que considere este servizo noutros municipios para conectar de verdade o rural”, sinala o alcalde, Juan González, quen cualifica como “insuficiente” o servizo prestado por Lugove
O Concello de Nigrán agarda que a nova concesión do servizo de transporte público na comarca sexa a oportunidade definitiva para acabar coas deficiencias amosadas desde o mesmo 23 de decembro de 2020, cando Lugove deu o relevo a ATSA como nova concesionaria. Así, tras este lustro, a Xunta comunicou a finais do verán que non continuará o contrato previsto de 10 anos con esta UTE, se non que o rescindirá de mutuo acordo para volver a sacalo a concurso coas melloras necesarias, para o cal pediu propostas de redeseño aos concellos ‘afectados’ por esta concesión XG883 (sur da comarca de Vigo, comprendendo Val Miñor e Baixo Miño). En calquera caso, Lugove seguirá traballando con normalidade ata que se adxudique de novo.
O alcalde de Nigrán, Juan González, cualifica como “insuficiente” o servizo prestado neste tempo e, por este motivo, atendendo as propias demandas da veciñanza, trasladou xa oficialmente á Dirección Xeral de Mobilidade as “achegas imprescindibles para que de verdade funcione na comarca”. Neste sentido, reclama un incremento das frecuencias entre Nigrán e Vigo e viceversa, establecéndose intervalos de paso polo municipio de 30 minutos durante ás 7:00 e 22:00 horas independentemente de se é verán ou inverno. Neste sentido, o Concello esixe a obrigatoriedade de que se envíen autobuses de reforzo cando un vehículo circule ao máximo da súa capacidade para que non quede ningún usuario en terra, situación que se repetiu constantemente cada verán ante as queixas lóxicas dos veciños e do propio Concello. Outra demanda substancial é a necesidade de aumentar as frecuencias Nigrán-Vigo nos percorridos polo ámbito rural do municipio (Camos, Chandebrito ou Parada) para de verdade garantir a mobilidade sostible a toda a poboación. Ademais, o Concello solicitou no seu escrito unha ampliación e mellora das conexións co Álvaro Cunqueiro, hospital de referencia para moitos veciños que lamentan a escasez de liñas, e que este servizo se realice sempre con vehículos adaptados. Con respecto a información ao usuario, “totalmente nefasta ata o de agora e inxustificable nos tempos que corren”, o Concello demanda paneis explicativos nas paradas visibles e fáciles de comprender e un sistema de xeolocalización en tempo real que permita ao usuario coñecer en cada momento o tempo estimado de demora de cada liña.
Nigranbus
Finalmente, o Concello pide á Xunta que asuma no contrato o ‘Nigránbus’, operativo desde 2022 como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia (isto significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un canon anual de 80.000 € máximo á Xunta). “É un servizo nun minibús de 22 prazas que iniciamos desde o Concello de Nigrán para conectar de verdade ás parroquias do interior co núcleo de Nigrán e resulta fundamental para moitos veciños, especialmente para xente maior que carece de vehículo propio e que gañou unha independencia incrible nestes anos de funcionamento, cumpre un fin social primordial que non se pode medir en termos de rendibilidade económica”, xustifica o alcalde, quen considera que se debería estender esta posibilidade a outros municipios.



