O concello de Nigrán súmase á reclamación a Israel para que poña fin de xeito inmediato ao ataque a Gaza e retire as súas tropas

adminON
Lectura mínima de 2

A moción, presentada polo goberno a instancia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, foi aprobada coa abstención do PP

Pídese tamén que o conxunto da UE recoñeza ao estado palestino

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou esta mañá coa abstención do PP unha moción do goberno local a instancia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na que se pide o fin do ataque a Gaza e a retirada das tropas israelíes. O Concello de Nigrán súmase así ao movemento internacional que pide o cese inmediato do xenocidio e, asemesmo, tendo sido recoñecido hoxe o estado palestino por España, pide a UE que tamén o faga no seu conxunto.

O Concello de Nigrán califica a actual situación dunha “catástrofe humanitaria sen precedentes que aumenta cada hora que pasa”. Neste sentido, incide en que a supresión do corte de subministro de alimentos e produtos básicos imposta á poboación civil palestina vulnera o dereito internacional. Asimesmo, amosa a súa solidariedade e apoio á poboación palestina, tanto residentes como no exilio, que sofren as consecuencias desta guerra de ocupación exercida por Israel desde hai 75 anos.

O Pleno do Concello de Nigrán considera que unha paz xusta e duradeira esixe acabar coa ocupación dos territorios palestinos por parte de Israel e recoñece o dereito á autodeterminación do pobo palestino, observando o dereito Internacional e as resolucións da ONU. Neste sentido, insta ao Goberno de España a sumarse e prestar o seu apoio á demanda interposta por Sudáfrica contra Israel ante a Corte Internacional de Xustiza polo delito de apartheid, e esixa o cumprimento das medidas cautelares que obrigan a Israel a deter o xenocidio da poboación palestina.

Comparte este artigo