HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas denuncia a manipulación do conflito do SAF por...

O concello de Ponteareas denuncia a manipulación do conflito do SAF por parte da CIG e do BNG

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas quere trasladar á cidadanía unha mensaxe de serenidade e claridade ante a folga convocada pola CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, responsable do contrato informa que das 61 traballadoras que forman parte do servizo, 13 secundan a folga, 18 están de baixa médica e o resto continúa prestando atención con total normalidade ás persoas dependentes.

Grazas ao compromiso e á profesionalidade deste grupo maioritario, o Concello está garantindo a atención ás 74 familias afectadas, priorizando os casos de maior vulnerabilidade e reorganizando os turnos e tarefas cando foi necesario.

O goberno respecta o dereito á folga, pero rexeita rotundamente o uso político e a manipulación que desde a CIG e o BNG se está facendo deste conflito. “Non se pode xogar coa preocupación das familias nin coa imaxe das traballadoras que cada día cumpren co seu labor con entrega e responsabilidade”.

Repecto á reclamación que o sindicato CIG realizou ante o xulgado alegando que os tempos asignados aos servizos mínimos eran abusivos, o Concello traslada que finalmente non se reduce ningún servizo a menos de 45 min e hai mesmo ampliación de varios deles por encima de 45 min dado o perfil de dependencia dalgunhas persoas usuarias.

A alcaldesa, Nava Castro, subliñou que “este goberno defende os dereitos laborais, pero non permitirá que se utilice un servizo tan sensible como o SAF para xerar alarma ou confrontación política. As persoas maiores e dependentes merecen respecto, e as traballadoras tamén.”

O Concello lembra ademais que o SAF é un servizo esencial, no que a lei impide contratar persoal de substitución durante unha folga, polo que toda a organización se está a realizar con medios propios e dentro do marco legal.

O goberno local agradece publicamente o esforzo e compromiso das traballadoras que seguen atendendo ás persoas usuarias, incluso dobrando quendas para que ninguén quede desatendido.

“A nosa prioridade é seguir prestando atención ás persoas máis vulnerables. Detrás de cada número hai unha familia que precisa coidados, e ese é o compromiso do Concello de Ponteareas.”

Ponteareas seguirá apostando por un servizo público humano, estable e de calidade, desde o diálogo, a transparencia e a responsabilidade institucional.

Ante as declaracións do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o Concello de Ponteareas lamenta o ton de descualificación persoal utilizado e rexeita calquera intento de manipulación política deste conflito.

“A política do insulto non achega solucións. Este goberno traballa con serenidade, dentro da legalidade e co único obxectivo de garantir o benestar das 74 familias que dependen do SAF.”

Publicacións Relacionadas