- O Concello de Ponteareas adxudica o novo contrato por 3,27 millóns de euros
- Incrementaranse as frecuencias de limpeza e crease a brigada permanente de limpeza nas parroquias para núcleos centrais e torreiros de festas e áreas recreativas
- Novos servizos e recursos que optimizan o traballo
O goberno municipal de Ponteareas aprobou no pleno ordinario do mes de febreiro a adxudicación do novo contrato do servizo de limpeza viaria, recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do punto limpo, unha contratación estratéxica que suporá unha mellora substancial na calidade do servizo e na sostibilidade ambiental do municipio.
O concelleiro responsable do contrato, Jesús Cao, explica que o novo servizo terá unha duración de dez anos e un orzamento anual de 2.352.854,73 €euros, o que permitirá garantir estabilidade, modernización e maior eficacia na prestación.
O novo contrato será transformador centrado na renovación de equipamentos, implantación de tecnoloxía, aumento dos recursos humanos e técnicos e proximidade aos fogares e persoas usuarias. Entre as principais melloras inclúense investimentos en tecnoloxía, novo equipamento, ampliación de contedores e reforzo da recollida selectiva, así como a creación de novos servizos e campañas de sensibilización ambiental.
Novos servizos na recollida de residuos e contedores
O contrato prevé a incorporación de cinco camións de recollida (carga lateral, traseira e para zonas estreitas) e a recollida de poda domiciliaria, “un servizo que non existía e que agora ofreceremos”, sinala o edil.
Instalaranse 1.937 contedores de todas as fraccións e 1.300 composteiros individuais ademais da xestión dos dous composteiros comunitarios no casco urbano.
Nas parroquias crearánse 30 illas de reciclaxe e incorporaranse 400 novos contedores amarelos de envases
Outro dos novos servizos que se ofrecerá sera o servizo específico de recollida en zonas estreitas e instalaranse contedores en lugares onde non existían.
Limpeza reforzada e brigadas nas parroquias
Incrementaranse as frecuencias de limpeza e crease a brigada permanente de limpeza nas parroquias para núcleos centrais e torreiros de festas e áreas recreativas como A Freixa, San Roque e Ponte das Partidas, con reforzo diario en épocas festivas.
Outra das novidades ´é a implantación de dez puntos estratéxicos de recollida rápida en todas as fraccións de luns a domingo en zonas de moita afluencia do centro urbano.
Implantarase a recollida porta a porta de cartón comercial diaria cando antes se viña prestando dous días á semana e reforzarase a atención a grandes produtores de vidro con contedores adaptados.
Novo equipamento de limpeza
O servizo contará con nova maquinaria e medios específicos, entre eles carros eléctricos asistidos para o persoal, mochila quitachicles e equipos específicos para eliminación de excrementos e cheiros. Tamén se renovarán máis de 100 papeleiras e novos sanecáns.
Melloras tecnolóxicas
O contrato incorpora 95.000 euros en innovación, con sistemas electrónicos de apertura con tarxeta para contedores de orgánica, chips de identificación para o seguimento e trazabilidade de baleirados, lavados e mantementos coa implantación de lectores nos camións e unha plataforma web de comunicación de incidencias para a veciñanza.
Punto limpo e economía circular
As instalacións do punto limpo melloraranse con maquinaria compactadora e un sistema para entregas rápidas e tótem de autoidentificación,entre outras importantes melloras.
Crearase ademais unha aula ambiental. Tamén se creará un espazo para intercambio de enseres con vida útile e unha oficina de atención ao público no centro urbano. Poñerase en marcha tamén un punto limpo móbil con catro localizacións rotatorias entre o centro e as parroquias.
Sensibilización ambiental
O contrato inclúe campañas de sensibilización, charlas en asociacións e centros culturais e a incorporación dunha educadora ambiental con dedicación completa para fomentar a separación e compostaxe dos biorresiduos.
O concelleiro Jesús Cao destaca que “este contrato supón un salto cualitativo histórico no servizo de limpeza e recollida de Ponteareas, con máis medios, máis reciclaxe, máis presenza no rural e unha clara aposta pola sostibilidade e a economía circular”.



